Bruxelas propón 2 millóns de euros en formación contra o desemprego do naval

A Comisión Europea propón destinar 2 millóns de euros a axudar a recolocar un total de 500 persoas que perderon o seu emprego na industria da construción naval. A proposta aínda debe ser aprobada por todos os Estados membros e polo propio Parlamento Europeo para que sexan transferidas estas axudas desde as arcas comunitarias.
Estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os estaleiros de Navantia en Ferrol.(Nós Diario)

A Comisión Europea propón destinar 2 millóns de euros a axudar a recolocar un total de 500 persoas que perderon o seu emprego na industria da construción naval e sectores auxiliares na Galiza entre maio de 2019 e febreiro de 2020. A iniciativa transcendeu nun comunicado que xustificaba a decisión pola diminución da cota de mercado da Unión Europea (UE) na produción mundial de buques e o aumento da competencia mundial que tivo unhas "consecuencias nefastas" para a industria auxiliar galega do naval. 

O Goberno español solicitara a axuda do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) após o despedimento de 960 operarias e operarios en empresas auxiliares dos estaleiros da Galiza entre maio de 2019 e febreiro de 2020. Segundo estas cifras a proposta da Comisión Europea chegaría á metade do persoal en situación de desemprego neste sector. 

Orientación profesional e formación

A axuda que propón Bruxelas non iría de maneira directa ao persoal desempregado. En concreto, trataríase de proporcionarlles orientación profesional, apoio na súa procura de emprego, posibilidades de adquirir novas capacidades a través da formación profesional, e seguimento e asesoramento despois de atopar outro traballo.

Ademais, as traballadoras e traballadores terían acceso a outros incentivos, como unha contribución aos gastos das coidadoras e dos coidadores no ámbito familiar e apoio financeiro para fomentar unha reinserción laboral rápida. 

"A globalización e a perda de cota no mercado mundial afectaron gravemente o sector europeo da construción naval, que se atopa exposto a unha maior competencia de fóra da Unión Europea", indicaba aos medios de comunicación o comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit. O custo total estimado do conxunto da axuda é de 3,4 millóns de euros, dos cales 2 millóns de euros serían aboados polo FEAG. A Xunta da Galiza achegaría o importe restante. A proposta aínda debe ser aprobada por todos os Estados membros e polo propio Parlamento Europeo para que sexan transferidas estas axudas desde as arcas comunitarias.

Reacción sindical 

Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario nacional da CIG-Industria, considera positiva a proposta mais desconfía de que con ela se poida reinsertar todo o persoal desempregado ao que vai destinada a axuda. "A industria auxiliar é, neste momento, a que necesita máis capacitación para ter futuro e estar á altura do que lle exixe o mercado", asegura a Nós Diario, "a dúbida que temos é que non existen empresas onde se poidan desenvolver esas propias capacidades", engade. Lembra que o propio sector naval "neste momento non ten carga de traballo e para a Xunta da Galiza non ten ningún tipo de interese, só en calquera caso o mediático".

Desde a CIG afirman que farán un seguimento para ver que perfil de traballadora e traballador collen, ademais de que tipo de formación se facilitará xunto coas habilidades que se transmitirán na formación para ter unha reinserción directa no mercado de traballo.

O FEAG, 150 millóns de euros anuais para recolocar o desemprego

O Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) apoia o persoal que perde o seu emprego como consecuencia de grandes cambios estruturais. Ten un orzamento máximo de 150 millóns de euros ao ano para o período 2014-2020 e financia até 60% do custo dos proxectos concibidos para axudar a atopar novo emprego ou facilitar a creación de novas empresas. 

Comentarios