martes 29/09/20

O desemprego aumentou na Galiza en 1.640 persoas en pleno agosto

Os datos publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social amosan un crecemento dos parados con respecto ao ano pasado e revelan un incremento intermensual por encima da medida do Estado.
O desemprego aumentou na Galiza en 1.640 persoas en pleno agosto

Os datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social traen malas novas para o país. As listas de persoas paradas aumentou en 1.640 o pasado mes de agosto.

A cifra de operarias e operarios en activo que agardan unha oportunidade laboral sitúase xa en 176.951.

Segundo o Goberno central, o incremento intermensual foi do 0,94%, unha cifra preocupante por estar por riba da media estatal.

Esta última situouse no 0,79% no contexto de crise sanitaria e incertezas que se está a vivir.

Ao estabelecer a comparación co mesmo mes de 2019, Galiza ten 23.131 habitantes máis en condicións de traballar pero que non atopan un posto para facelo. Isto implica un ascenso do 15,04% en tan só un exercicio.

Por sectores de actividade, a suba notouse en todos agás a agricultura (-4) e a construción (-138).

Malia o contexto actual, é peculiar ver que houbo máis persoas sen un emprego en agosto posto que tradicionalmente era un mes bo para as contratacións.

En pleno estío e temporada alta de chegada de turistas, o normal viña sendo aumento de incorporacións ao sector servizos, especialmente aos negocios de hostalaría e hotelaría, así como ao comercio.

Contraste coa Seguridade Social

Por contra, a Seguridade Social gañou unha media de 7.126 afiliados respecto ao mes de xullo, o que implica unha mellora do 0,71%, por encima da media estatal que está no 0,04%. O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións indicou hoxe que o número de ocupadas e ocupados é de 1.012.794.

Con todo, en comparación con mesmo mes de 2019, as e os cotizantes da Galiza son 24.106 menos, cunha caída do 2,32%.

comentarios