Galiza, camiño dun deserto industrial

Desde 2009, ano en que Alberto Núñez Feixoo chegou ao poder, a industria galega perdeu milleiros de postos de traballo. Sen políticas estábeis, sen alternativas para os sectores que piden maior innovación, cos centros de decisión fóra da Galiza e a ameaza da deslocalización, o tecido produtivo galego camiña cara á irrelevancia. O naval, a metalurxia e os servizos, acusan boa parte das perdas. 
Concentración ás portas de Navantia para reclamar máis carga de traballo no mes de febreiro (Europa Press).
photo_camera Concentración ás portas de Navantia para reclamar máis carga de traballo no mes de febreiro (Europa Press).

Galiza vai camiño de se converter nun ermo industrial. Proba da decadencia do sector produtivo está nas estatísticas, mais tamén nas rúas, a onde o colectivo de traballadores e traballadoras, tanto de empresas de servizos coma de grandes factorías cunha longa tradición no país, trasladan as súas protestas fronte ao desmantelamento da industria e da economía galegas.

Alcoa na Galiza

As imaxes máis recentes atopámolas na Mariña. A proposta da dirección de Alcoa de fechar a planta de aluminio que o grupo ten en San Cibrao implicaría o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores, a metade do persoal co que conta a multinacional na costa de Lugo e 85% dos empregados da fábrica.

Un golpe moi duro para a economía da comarca e para o futuro industrial da Galiza, que suma este episodio ao xa vivido pola antiga planta de Alcoa na Coruña. A compañía anunciou en 2018 que deixaba de producir nesas instalacións, mais nas que tiña en Avilés (Asturias) polo alto prezo da enerxía. No verán de 2019 vendeu ambas as factorías ao fondo suízo Parter Capital, que deixou a súa xestión en mans do grupo Alu Ibérica. No proceso, a planta prescindiu duns 400 postos de traballo.

En abril deste ano, Grupo Industrial Riesgo, con sede en Valencia, adquiriu a maior parte do paquete accionarial de Alu Ibérica e converteuse na nova propietaria das antigas plantas de Alcoa, co obxectivo de impulsar a actividade destas instalacións industriais. Mais o cambio fai desconfiar ao persoal galego e asturiano de Alu Ibérica, disposto a retomar as mobilizacións na rúa ante a falta de certezas e dun plan industrial sólido que confirme os investimentos anunciados polo novo amo, quen ademais de levar atraso no pagamento das nóminas ameaza con despedimentos as posíbeis protestas do cadro de persoal.

As mudanzas xeran inestabilidade e dificultan a consolidación de proxectos e compañías históricas que, malia a todo, non deixan de ser grandes multinacionais pendentes dos custos de produción e cuxos centros de decisión están fóra da Galiza.

Situación crítica

A clase traballadora do sector industrial atravesa unha situación crítica. Debilitado pola falta de competitividade, pola relocalización de empresas en escenarios máis cualificados e avanzados tecnoloxicamente ou pola ausencia de políticas sólidas, o paro e o despoboamento consolídanse no horizonte.

Desde o ano 2008, a industria galega perdeu arredor de 6.000 postos de traballo, 8,5% menos nun sector indispensábel para calquera economía competitiva. Na actualidade achega 18,5% do Produto Interior Bruto (PIB) do país e 16% do emprego, lonxe do obxectivo fixado pola Unión Europea e tamén polo Goberno galego para o ano 2020: lograr que o peso da industria acadase 20%. A perda de traballo en sectores chave arruinou o emprego e o futuro da economía, incapaz de atraer ou xerar novas actividades industriais que contribúan a fixar ocupación e futuro onde parece non o haber.

Sector naval

O sector naval, as industrias electrointensivas e a automoción son eidos produtivos fundamentais na Galiza. Segundo os datos que manexa a central sindical CIG, entre Ferrol e Vigo xuntan 3.000 empregos no naval, cando chegou a haber 18.000. As auxiliares do sector na comarca ferrolá perderon o ano pasado perto de 800 postos. No inicio de 2020, persoal dos estaleiros de Fene e Ferrol volveron saír á rúa para demandar carga de traballo inmediata que paliase a caída na ocupación entre o remate dos buques australianos e o inicio da construción das fragatas F-110, mostra da dependencia do sector militar á que están sometidos os estaleiros da ría, coa consecuente expulsión ao desemprego e á emigración que leva consigo para o persoal das subcontratas.

No sur, Vulcano tamén iniciou a súa liquidación definitiva após un século de tradición. Sen solvencia nin pedidos nin apoio da Xunta. 

Metalurxia

Outro punto de inflexión na grave crise industrial que padece Galiza chegou tamén en 2019 da man das empresas enerxéticas. Endesa (As Pontes) e Naturgy (Meirama) confirmaron o feche definitivo das súas centrais térmicas. A caída na produción enerxética foi o principal lastre do rendemento industrial na Galiza o pasado ano, un dato que se explica pola decisión das eléctricas de fechar os seus centros de xeración de enerxía térmica a partir de carbón, mais tamén por unha menor demanda por parte das industrias electrointensivas.

Pendentes da data definitiva de paralización, mais de saber se o feche suporá o desmantelamento das centrais ou se contarán con alternativas industrias que minimicen o impacto da parada térmica tanto a nivel laboral como no conxunto da economía da comarca, máis de medio millar de traballadores ven perigar o seu emprego. Por detrás da enerxía, un dos sectores que máis caeu foi o da metalurxia e as súas producións de aceiro, ferro e ferroaleacións.

Neste eido, ademais de Alcoa e Alu Ibérica, están empresas como Ferroatlántica, agora Xeal (Xallas Electricidade e Aleaciones) denominación baixo a que segue operando o complexo de Cee-Dumbría, após a venda, xunto a dez minicentrais hidroeléctricas, ao fondo TPG Sixth Street Partners. A operación, salpicada polos litixios entre a empresa do metal e a Xunta da Galiza, consolidouse cunha redución drástica da capacidade de produción, cunha trintena de despedimentos e coa falta dun plan industrial enriba da mesa, denunciaron os sindicatos, a canda a pasividade da Administración galega.

Os traballadores critican unha indiferenza gobernamental que condena o emprego de calidade nunha comarca sen alternativa industrial capaz de ofrecer mellores salarios e máis valor engadido ao conxunto da economía.

Deslocalización

Pero mais aló das grandes factorías industriais, o apagamento do tecido produtivo tamén é resultado da descapitalización e deslocalización de empresas e servizos. É o caso do centro de atención telemática de Bosch en Vigo. Despois de 200 despedimentos iniciais, a dirección anunciou un expediente de regulación temporal de emprego dirixido a 800 das súas 2.000 traballadoras. O futuro non está claro, afirman desde o comité de empresa, que observa con temor o desvío de servizos cara a terceiros países con custos máis reducidos.

Foi o que motivou o feche de Poligal, en Narón. Unha empresa creada na Galiza, e que ten aquí o seu departamento de innovación tecnolóxica, decidiu clausurar a súa planta a través dun concurso de acredores que deixou na rúa 108 persoas para continuar a produción de filme de polipropileno para o sector da alimentación en Portugal e Polonia.

Comentarios