REUNIóN COS GRUPOS PARLAMENTARES

CIG pide a implicación da Xunta para o mantemento do sector naval na ría de Vigo

A central nacionalista reuniuse con representantes dos grupos parlamentares para instar o goberno galego a entrar nos Consellos de administración de Barreras e Vulcano.

16-04-11 CIG-Industria Parlamento 001
photo_camera [Imaxe CIG]

Esta segunda feira (11 de abril) unha representación da CIG no sector naval da ría de Vigo reuniuse coas forzas políticas con representación no Parlamento para lles reclamar a súa implicación na procura de solucións para os cadros de persoal das principais empresas do sector. 

"Malia os grandes anuncios da Xunta estamos diante dun sector que esmorece", denuncia a CIG

Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria, asegurou que o "sector naval está a esmorecer" na ría de Vigo malia os "grandes anuncios" e "grandes titulares de imprensa" do goberno "dicindo que hai carga de traballo". Neste senso, sinalou que "dos 10 mil postos de traballo que había hai sete anos neste momento estamos nos 1.500". Porén, após Barreras entregar o flotel contratado pola mexicana, Pemex, "haberá menos de mil traballadores". E é que en Vulcano, a outra grande empresa xunto con Barreras, "non hai ningún tipo de contratación"

Dos 10 mil postos de traballo que o naval xeraba na ría de Vigo hai 7 anos apenas fican 1.500 actualmente

"Estamos a ver un sector que está a esmorecer e que é estratéxico para o país", sinalou Bouzas. Neste senso, reclamaron aos grupos parlamentares que leven as súas propostas á Cámara para instar a Xunta a se implicar no futuro do sector. Así pois, piden a entrada do goberno galego "nos Consellos de administración" de Barreras e Vulcano perante a "ineficacia", din, da empresa privada que non está a dar "para que eses estaleiros saquen carga de traballo adiante". 

Piden que a Xunta entre nos Consellos de Administración de Vulcano e Barreras perante a "ineficacia" da empresa privada para xerar carga de traballo

Compensacións polo tax-lease

Aliás, reclaman "compensacións" para os cadros de persoal dos estaleiros "máis pequenos" após declararse ilegal o tax lease, unha decisión adoptada pola Comisión europea mediante a que xeraba un sistema de arrendamento que permitiu xerar créditos fiscais ás empresas que investían en construción de buques para o seu posterior arrendamento e venda a navieiras que, á súa vez, obtiñan un desconto de até un 30% para adquirilos. Galiza foi un dos territorios máis atinxidos por esa decisión véndose na obriga de devolver perto do 50% do total das axudas. A anulación do 'tax-lease' paralizou case totalmente o naval galego. Os pedidos caeron en picado e iso derivou en milleiros de despdimentos. 

"Pedimos un fondo de compensación para os traballadores atinxidos por un ERE durante o tax-lease", defendeu Xoán Xosé Bouzas, co que paliar os prexucios sufridos polos cadros de persoal através da compensación das súas "prestacións de desemprego e pensións de xubilación". 
 

Comentarios