BNG denuncia que os recortes de Feixoo encarecen ás familias o inicio do curso escolar

Propón a gratuidade dos libros de texto ou a redución do ratio de alumnos e alumnas por aula.

BNG CIG ensino

Os recortes  aplicados nestes anos polos gobernos de Núñez Feixoo traducíronse no encarecemento para as familias dos gastos ligados ao inicio do curso escolar. Denúnciao o BNG, que lembra que Galiza era un dos territorios do Estado onde a ‘volta ao cole’ era menos cara. Porén, indica, isto mudou, embora que os salarios e ingresos continúen á cola do estado. O Bloque anuncia que presentará unha batería de medidas no Parlamento para alixeirar a actual carga económica dese inicio do curso. A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cunha delegación da Plataforma galega en defensa do ensino público.

As políticas de Feixóo implicaron unha asfixia do ensino público e en dez anos hai un recorte acumulado de 2.000 millóns euros

Entre esas medidas, o BNG  propón recuperar a gratuidade dos libros de texto ao 100%, que suprimiu o Goberno do PP. “As políticas de Feixóo implicaron unha asfixia do ensino público e en dez anos hai un recorte acumulado de 2.000 millóns euros, pecháronse 136 escolas unitarias e 876 unidades, e neste curso hai menos docentes que antes da chegada do actual presidente da Xunta”, denunciou Ana Pontón.

A estes datos súmanse, engade, aos prexudiciais efectos da LOMCE en termos de desgaleguización, de deterioro dos dereitos de profesorado e alumnado, a tendencia cara un “ensino elitista e clasista”.

A redución da ratio de alumnado por aula en todos os niveis, propoñendo que non supere a cifra de 15 escolares na etapa infantil, 20 na etapa de ensino obrigatorio e 25 nos cursos de bacharelato, incluíndo ao alumnado que repita curso; é outra das medidas propostas polas nacionalistas Ademais, a formación nacionalista demanda derrogar a LOMCE e, no que se refire ao ensino universitario, propón incrementar o financiamento das universidades en 30 millóns á marxe da negociación para un novo plan de financiamento.

Lei mordaza na Cámara

Na súa comparecencia ante os medios, a portavoz nacional tamén fixo referencia ás normas de utilización das salas do Parlamento e sobre a vestimenta que pretende aprobar o PP. A preguntas dos medios, Pontón atribuíu estas normas remitidas aos grupos por parte da Presidencia da Cámara a un “delirio autoritario do PP que confunde maioría absoluta con absolutismo”, tentando impoñer unhas normas que cualificou de  “lei mordaza tanto para os deputados e deputadas como para o conxunto da cidadanía á que, de prosperar, impediría expresarse con liberdade ou facer nada no Parlamento”.

Comentarios