Olga Novo e Berta Dávila, Premios da Crítica 2019

As escritoras Berta Dávila e Olga Novo fanse cos Premios da Crítica 2019 que outorga anualmente a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). 
 
As premiadas Olga Novo e Berta Dávila
photo_camera As premiadas Olga Novo e Berta Dávila

Coa súa obra ‘Carrusel’, a escritora Berta Dávila gañou este domingo, 27 de setembro, o Premio da Crítica 2019 que a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) organiza cada ano.

E fíxoo na modalidade de Narrativa en lingua galega; mentres que Olga Novo, con 'Feliz idade', gañou o premio de Poesía en galego.

En euskera, os gañadores foron Unai Elorriaga, con 'Iturria', en Narrativa, e Pello Otxoteko, con 'Itsas bizimina', en Poesía.

En castelán, a arxentina Mariana Enríquez gañou en Narrativa, con 'Nuestra parte de noche', unha novela de terror coa que xa gañou o Premio Herralde de novela. Juan Antonio González Iglesias, en Poesía, por 'Jardín Gulbenkian'.

En catalán os galardoados foron Jordi Lara, por 'Sis nits d'agost', en Narrativa, e Dolors Miquel, por 'Ictiosaure', en Poesía.

Estes premios, sen dotación económica, son concedidos pola AECL desde 1956, e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no Estado español no ano anterior en galego, castelán, catalán e euskera.

A edición deste ano estaba prevista para o mes de abril, pero adiouse a causa da pandemia.

O xurado reuniuse este domingo para tomar a decisión e estivo composto polo presidente da AECL, Ángel Basanta, e as e os críticos literarios Fernando Valls, Javier Goñi, Pilar Castro, Araceli Iravedra, José Jurado Morales, José Luis Martín Nogales, Selena Millares, Manuel Ángel Morales Escudero, Francisco Morales Lomas, Ángel Luis Prieto de Paula, Miguel Ángel Márquez Guerrero, Ignacio F. Garmendia, Rafael Núñez Florencio, María Solís Munuera, Xelo Candel, Simona Skrabec, Javier Rojo, Olivia Rodríguez González, Fernando Martínez Laínez e Enrique Turpin.

Comentarios