Imprimir

Audiencia Nacional anula a decisión do xuíz Velasco de suspender as actividades de Causa Galiza

X.M.Piñeiro | 29 de xaneiro de 2016

Imaxe: GZ Contrainfo
Imaxe: GZ Contrainfo

A sala do penal estimou o recurso presentado pola defensa a raíz de que o maxistrado acordase o cese de actividades de Causa Galiza sen escoitar previamente a organización independentista, tal e como obriga a lei. 

A sala do penal da Audiencia Nacional estimou o recurso interposto pola defensa de Causa Galiza e anula a decisión do xuíz Eloy Velasco de suspender durante dous anos as actividades da organización independentista. Así o confirmou a Sermos Galiza Guillermo Presa, letrado da defensa da organización independentista. “Agora mesmo, Causa Galiza pode desenvolver actividade pública e normal”, afirma o avogado.

A defensa presentara o recurso por entender que o xuíz incorrera nunha vulneración de dereitos fundamentais ao declarar a suspensión de actividades de Causa Galiza sen escoitar antes a Causa Galiza. Ese proceder, defende Presa, é unha vulneración do establecido na propia Lei de enxuizamento criminal. Un argumento que foi atendido e estimado pola sala do penal da Audiencia Nacional, que decidiu anular a decisión do maxistrado.

O 10 de febreiro hai fixada unha comparecencia en Madrid á que están citados fiscalía, defensa e o xuíz. Alí o maxistrado terá que facer o que non fixo en novembro, escoitar Causa Galiza. Despois, decidirá. E pode volver decidir suspender as actividades da organización independentista. Un suposto que no independentismo ven como o escenario que se vai producir unha vez “salvado o trámite” de escoitalos. Porén, o avogado Guillermo Presa confía en que fique claro “que Causa Galiza non ten nada a ver co terrorismo, nin co apoio a terrorismo” e poida seguir a ter actividade pública e normal.

"Dar a batalla"

Fontes próximas aos 9 membros de Causa Galiza detidos na 'Operación Jaro' sinalaron a Sermos Galiza que a anulación da decisión do xuíz Velasco deriva dunha cuestión "de procedemento", cuestión que, sosteñen, unha vez solventada, permitirá retomar o proceso de suspensión da actividade da organización independentista. Apontan que desde os encausados hai ánimo de "dar a batalla xudicial, social e política" de aquí até o 10 de febreiro para reivindicar os dereitos e liberdades civís e políticas, e defender o dereito a existir e actuar do independentismo organizado.

Que a propia sala do penal da Audiencia Nacional anula a decisión de Velasco indica, entenden, o nivel de irregularidades neste tipo de procesos "políticos", algo que é "cosubstancial" ao "acoso" e "persecución" que se fai desde as instancias do Estado cara ao independentismo e a disidencia política, sinalan.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/audiencia-nacional-anula-decision-do-xuiz-velasco-suspender-actividades-causa-galiza/20160129123008044433.html


© 2020 Nós Diario