Imprimir

Acusan á dirección das residencias de Cervo e Trabada de permitir “graves deficiencias”

Redacción | 20 de novembro de 2020

Persoal da residencia de Cervo denuncia as deficiencias laborais. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Persoal da residencia de Cervo denuncia as deficiencias laborais. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Presentouse unha denuncia ante a Inspección de Traballo aludindo ás condicións de traballo dos dous centros, que están xestionados polo organismo Mensaxeiros da Paz.

O Sindicato de Técnicos de Enfermaría denunciou ante a Inspección de Traballo as “deficiencias graves” coas que teñen que convivir as e os empregados das residencias de San Cibrao (Cervo) e Trabada nos seus postos. Segundo esta organización, nas infraestruturas xestionadas por Mensaxeiros da Paz existe un “fallo sistemático na prevención de riscos”.

Na súa acusación á encargada de coordinar os xeriátricos (un dos cales padeceu un surto importante polo coronavirus), a central sindical afirma que a organización do traballo e do día a día é “caótica” polo que “pon en perigo ás e aos traballadores e repercute na atención” que reciben as persoas usuarias.

No entanto, a entidade (coas siglas SAE) recoñece que a situación en Trabada é algo mellor que a de Cervo, pero é preciso notificar a denuncia do cadro de persoal. A delegada Trindade Marín concreta que as e os operarios son “moi escasos” para o número de residentes, e máis tendo en conta que en San Cibrao tamén se coordina un centro de día.

"O persoal está sobrecargado. En ocasións, ás compañeiras da quenda de mañá non lles dá tempo a asear a todos os residentes, polo que as da quenda de noite encárganse de parte desa tarefa”, afirma Marín. Neste sentido, di que moitas usuarias e usuarios, quéixanse de “ter que pasar tanto tempo levantados” agardando a súa quenda.

Así mesmo, a través dun comunicado, SAE comentou que hai cambios de horarios sen apenas tempo de preaviso, que algunhas empregadas “non están dadas de alta correctamente na Seguridade Social” e que, ás veces, “os salarios non se abonan mensualmente ou se pagan con atrasos”.

Peor en San Cibrao

Respecto ao que atinxe só a este período marcado pola pandemia, o sindicato asegura que Mensaxeiros da Paz está a incumprir a normativa sanitaria ao non xestionar de forma axeitada os residuos e dar equipos que non son os previstos. Este erro foi detectado, até o de agora, no xeriátrico de Cervo.

"Non nos estraña que se produciras tantos contaxios en San Cibrao", subliña Marín en declaracións a Europa Press. “Durante un tempo, eran as propias traballadoras as que compraban as máscaras FFP2; as luvas que se utilizan non son de protección, son moi curtas e non cobren o suficiente e, ademais, as bolsas nas que se tiran os EPI déixanse en zonas comúns, por exemplo”, revela.

Ante estas situacións que se dan pasados os muros dos centros residenciais, exixe investigacións e sancións por parte da Inspección ou das Administracións públicas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/acusan-direccions-das-residencias-cervo-trabada-permitir-graves-deficiencias/20201120180536109502.html


© 2020 Nós Diario