Política Social achaca as críticas sobre a fráxil situación das residencias a "fixacións políticas"

Cuestionada sobre a repetición dos gromos en residencias, a conselleira de Política Social di que estes centros "non se poden blindar 100%, non son búnkers".
A conselleira de Política Social [Imaxe: Xoán Crespo].
photo_camera A conselleira de Política Social [Imaxe: Xoán Crespo].

A Consellaría de Política Social descarta polo momento prohibir as visitas aos centros de maiores e aposta por limitar as saídas dos usuarios ao exterior como medida para evitar a entrada da Covid-19 nas residencias da terceira idade da Galiza.

"Non contemplamos polo momento en ningún caso que os residentes deixen de recibir visitas", dixo este domingo a titular de Política Social, Fabiola García, nunha entrevista en Radio Nacional recollida por Europa Press na que destacou a importancia para os residentes de manter o contacto cos seus achegados.

Por iso, Política Social aposta por restrinxir as saídas ao exterior dos usuarios de residencias en lugar de prohibir as visitas aos centros, pois desde a Xunta entenden que é "a contorna máis controlada". "No exterior non sabemos o que pode pasar", apostilou.

Cuestionada sobre a repetición dos gromos en residencias despois do vivido na primeira onda da pandemia, Fabiola García incidiu en que os xeriátricos "non se poden blindar 100%, non son búnkers".

Así, defendeu que a Administración galega traballa para controlar e "evitar ao máximo posíbel" a entrada do virus nas residencias, que acumulan, segundo os datos facilitados este domingo polo Sergas, un total de 441 casos de Covid entre usuarios e 259 entre traballadores.

Os datos facilitados este domingo polo Sergas suman un total de 441 casos de Covid entre usuarios e 259 entre traballadores

Neste sentido, puxo o acento nos cribados quincenais que se realizan nos centros de maiores que, segundo García, contan "con todos os medios materiais e humanos necesarios" para facer fronte a estes episodios.

Liga críticas a "fixacións políticas"

Preguntada polas denuncias de falta de medios humanos e materiais dos traballadores da Consellaría de Política Social, que encadean catro meses de protestas pola falta de renovación do convenio colectivo, Fabiola García ligou estas críticas ás "fixacións políticas" dos partidos da oposición.

"Non é o momento de levar fixacións políticas que teñen os partidos a un colectivo", sinalou a conselleira, que asegurou que o seu departamento mantén contactos "continuos" cos representantes sindicais, que demandan desde fai catro meses unha reunión coa propia Fabiola García que, polo momento, non se produciu.

"Neste momento o máis importante é que botemos unha man e sexamos todos un para loitar contra o coronavirus. Esa debe ser a prioridade dun Goberno pero tamén da sociedade civil galega", manifestou García.

Comentarios