A Xustiza volve fallar contra Política Social no conflito laboral do Consorcio de Igualdade e Benestar

Un xulgado vén de declarar “fixa” a outra empregada dunha escola infantil que depende desta institución. Malia que foi contratada por obra ou servizo en 2008, a empregada leva no posto 13 anos. Coa convocatoria de prazas por parte da Xunta o persoal do consorcio podería perder o seu traballo.

Unha das protestas convocadas polo persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe dunha das accións de protesta. (Foto: Europa Press)

O xulgado do social número 2 de Compostela vén de sentenciar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar, que depende da Consellaría de Política Social, a converter en “fixa” a unha traballadora dunha escola infantil despois de levar 13 anos no posto cun contrato de obra ou servizo.

A empregada fora contratada no ano 2008 coa intención de que só ficara na súa labor o curso 2008-2009 no centro educativo.

Porén, xa levaba 13 anos ocupando a mesma praza, polo que a Xustiza decidiu fallar en contra de Política Social. Así o destaca o sindicato CNT, que levou estes casos ante os tribunais e que impulsa a folga que fai o cadro de persoal cada martes alterno.

O principal risco que había para esta empregada, e outras compañeiras e compañeiros, é que a Xunta convocou un proceso selectivo para incorporar persoal ao Consorcio que pode facer que despois de tantos anos fiquen no paro.

“As traballadoras advirten da situación na que quedan, que pode supoñerlles a perda do seu posto de traballo despois de varios anos na mencionada situación de temporalidade”, destacan.

Ante este argumento, a Consellaría de Política Social ten asegurado que nas oposicións vaise dar valor á experiencia profesional.

En calquera caso, a CNT explicou que neste auto a denunciante debe ser “declarada traballadora fixa, xa que a súa elección axustouse aos principios de igualdade, mérito e capacidade e os incumprimentos da legalidade recaen na administración ao empregar unha modalidade contractual que non resulta adecuada á natureza do posto".

Neste sentido, incide en que "aos poucos se vai asentando a evidencia de que as traballadoras non poden pagar as ilegalidades da administración", pois a central sindical opina que o Consorcio tiña “armazón legal” para "levar a cabo contratacións fraudulentas a través de procesos selectivos completos que contaban con todas as garantías".

Comentarios