Rueda suxire "mobilizar o exército" para paliar a folga de transportistas

O conselleiro de Sanidade alertou da diminución de "até 40%" da entrada de material sanitario na plataforma loxística do Sergas no concello de Negreira.
Transportistas en folga fronte a unha fábrica de leite en Meira. (Foto: Carlos Castr/Europa Press)
photo_camera Transportistas en folga fronte a unha fábrica de leite en Meira. (Foto: Carlos Castr/Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, exixiu ao Goberno español que negocie cos transportistas en folga por quinta xornada consecutiva, e suxeriu "mobilizar o Exército" e o resto de forzas e corpos de seguridade do Estado para asegurar o mantemento dos principais corredores de transporte de produtos e mercadorías.

Rueda fixo estas declaracións despois de participar na reunión do comité galego ante a crise de Ucraína. O presidente en funcións do Goberno galego, mentres Feixoo prosegue coa súa xira como candidato á presidencia estatal do Partido Popular, afirmou que a situación é "moi grave", polo que instou o Executivo estatal para habilitar un "plan de continxencia".

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, que tamén participou nesta reunión, puxo de manifesto que a Administración xa mobilizou todas as forzas de seguridade dispoñíbeis para garantir que as empresas poidan seguir a realizar o transporte.

Asemade, detallou que tanto a Policía española como a Garda Civil informaron da apertura "de todas as liñas", despois de que a xornada desta sexta feira comezase co corte total da A-6, ao seu paso por Corgo por parte dun piquete de transportistas.

Falta de subministros sanitarios

A folga de transportistas está a afectar tamén ao ámbito sanitario, segundo trasladou nesta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen mostrou a súa "preocupación".

Comesaña alertou dunha diminución de "até 40%" da chegada de material sanitario á plataforma loxística que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten instalada no concello de Negreira. Segundo o conselleiro, a falta de subministros sanitarios provocou que algunha intervención estivese "a piques de suspenderse".

Co obxectivo de subsanar este déficit de material, o integrante do Goberno galego sinalou que a partir de agora os cargamentos sanitarios do Sergas contarán con "rótulos específicos" para intentar evitar que os piquetes das folgas de transporte poidan afectar a estes subministros.

Neste sentido, as conselleiras de Mar, Mobilidade e Medio Rural mantiveron un encontro cunha delegación de representantes do sector do transporte na Galiza, coa proposta enriba da mesa de que o Goberno español habilite "corredores seguros" para garantir o subministro de servizos e mercadorías esenciais.

Comentarios