Quinto día de paro do transporte: corte total na A-6 ao seu paso polo Corgo e caravana de camións en Vigo

Un piquete de transportistas interrompeu a circulación en ambos os sentidos da A-6 ao paso desta estrada polo Corgo.
Protestas na A-6 contra os transportistas escoltados pola Garda Civil, esta quinta feira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protestas na A-6 contra os transportistas escoltados pola Garda Civil, esta quinta feira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O quinto día de paro no sector dos transportes principiou cun corte total na A-6 á altura do Corgo, onde a circulación segue con interrupcións en ambos os sentidos desde as 11 horas desta sexta feira.

A xornada botou a andar sen incidencias de consideración a primeira hora da mañá, máis aló dunha caravana de camións que dificultou o acceso á cidade de Vigo pola autovía A-55. Tampouco se produciron cortes na entrada á Galiza pola A-6, un dos puntos quentes das protestas durante o cuarto día das protestas.

A situación cambiou a partir das 11 horas cando, segundo confirmaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico consultadas por Europa Press, un piquete de transportistas interrompeu a circulación en ambos os sentidos da A-6 ao seu paso polo municipio do Corgo.

Esta zona da Autovía do Noroeste xa foi lugar de cortes durante a xornada da quinta feira.

Uns cen camións desfilaron polo carril dereito desde as 10 horas da mañá desde Tui en dirección á Praza de España da urbe olívica. Fontes da Subdelegación do Goberno estatal apuntan que a mobilización rematou sen incidentes.

Durante a madrugada producíronse piquetes na zona do porto de Vigo, un dos puntos controlados por Policía e Garda Civil, que colaboran no operativo despregado para evitar incidencias polos paros.

En Lugo, axentes da Garda Civil escoltan durante a mañá desta sexta feira transportistas que entran no país desde Asturies pola A-8, mentres outro piquete picou as rodas a doce camións que estaban estacionados no termo municipal de Dumbría.

Comentarios