Piquetes informativos en varios polígonos polo paro no transporte, que secundan centos de camioneiros galegos

A asociación Apetamcor, con 1.600 socios, apoia "non mover" os seus camións porque "están a perder diñeiro".

Camioneiros e transportistas paralizados no Polígono do Ceao, en Lugo. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
photo_camera Carel informativo nun supermercado de Compostela (Foto: Europa Press)

O paro no transporte convocado pola Plataforma para a Defensa do Sector do Transporte de Mercadorías por Estrada Nacional e Internacional -da que se desmarcan as principais federacións- deixou piquetes informativos en varios polígonos galegos, entre outros os de: A Granxa, no Porriño; O Ceao, en Lugo; Valadares, en Vigo; en Verín; en Mos e no porto da Coruña.

En declaracións a Europa Press, o presidente de Apetamcor, José Manuel Rodríguez, explica que esta é a "asociación máis grande" da Galiza, con 1.600 socios, de forma que o paro foi secundado por "máis de 90%" deles ante o elevado custo dos combustíbeis.

"Dános igual a bandeira", explica sobre esta convocatoria que apoia Apetamcor, mais da que se desmarcou tanto o Comité Galego de Transporte como Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC). Esta asociación, asentada en San Cibrao das Viñas ten sedes en Santiago, O Porriño e Lugo.

Precisamente, a pasada semana, o Comité Galego de Transporte informaba que acordara, "por maioría", non secundar o paro promovido por "unha autodenominada plataforma". Sobre isto, Rodríguez quéixase de que nese escrito non se fixese constar que Apetamcor si que apoian a protesta, xa que "os socios queren parar" porque "están a perder diñeiro" e ven mellor "non mover" os seus camións.

Así mesmo, nalgúns supermercados galegos puidéronse carteis informativos sobre a imposibilidade de realizar reparticións a domicilio esta segunda feira polo paro de transportistas.

En Lugo, o vicepresidente de Tradime, José Fernández, cifra o seguimento deste paro nun 70% pola frota de transporte de mercadorías. Segundo informa Tradime, unha das patronais convocantes deste paro "indefinido", "o cesamento como actividade está a ser bastante secundado, e é que non sae a conta hoxe circular polo elevado prezo do gasóleo".

Así, Fernández explica que o gasóleo subiu "entre 60 e 65 céntimos" nos últimos 15 días, "o que obriga a saír á estrada a perdas". Remarca que esa suba foi de 90% no último ano, pois o combustíbel supón 30% dos custos dos transportistas.

"Agora mesmo a situación é excepcional e require medidas excepcionais. Si que hai xente que está a rodar porque ten uns compromisos e outras empresas que optaron por parar, dado que este é un paro voluntario, pero para saír a perdas é mellor estar parado", mantén este empresario lucense.

"Hai moita menos actividade do que hai normalmente", acreditou. Lembra que este "cesamento de actividade" é "indefinido", algo que se estenderá até que o prezo do carburante sexa "un pouco máis razoábel, e para iso o Goberno (español) ten que tomar medidas".

Un piquete de transportistas logrou pechar, esta mañá da segunda feira, unha das entradas ao polígono industrial do Ceao, o que provocou importantes retencións para acceder á cidade de Lugo desde a estrada N-6.

Comentarios