A Xunta desleixa o galego nos concursos de mérito de profesorado

CIG-Ensino sinala que o Executivo de Alfonso Rueda négase a puntuar a titulación oficial ou formación específica en lingua galega de cara aos requisitos de baremo exixidos para obter a puntuación final no concurso de méritos.
Exame da oposición decorrida en xullo en Compostela (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Exame da oposición decorrida en xullo en Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza non terá en conta os títulos e certificados oficiais de formación en galego para os concursos de mérito convocados pola Consellaría de Educación para profesorado.

Así o denunciou a sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG), nun comunicado no que dá conta da súa “desconformidade” con respecto ás negociacións desenvoltas na Mesa Sectorial do concurso excepcional de estabilización.

Neste escrito, CIG-Ensino sinala que o Executivo de Alfonso Rueda négase a puntuar a titulación oficial ou formación específica en lingua galega de cara aos requisitos de baremo exixidos para obter a puntuación final no concurso de méritos.

“Presentar un Celga-4 non pode ser a razón para non puntuar un nivel avanzado de EOI de galego ou cursos de perfeccionamento”, asegura o sindicato educativo, quen sinala que “isto só ten sentido se esa titulación ou eses cursos son os que se presentan como medio para acreditar” o propio Celga-4.

Neste sentido, para CIG-Ensino “todas aquelas persoas que teñen este nivel validado por cursar lingua galega até o Bacharelato na Galiza están sendo discriminadas, xa que esas titulacións ou cursos son un esforzo a maiores que non precisaban”.

Proba previa de galego

Por outra parte, a central sindical explicou que “está en desacordo” coa decisión da Xunta de estabelecer unha proba previa de galego, ao entender que se trata dunha medida “innecesaria” e “discriminatoria” entre o galego e o castelán, xa que para este último non se desenvolverá un exame previo, senón que será “preciso ter unha titulación específica”.

“Consideramos que nun concurso non ten cabida unha proba escrita eliminatoria para cumprir un requisito que se pode xustificar perfectamente pola presentación de varios certificados e que se debe fixar directamente o Celga-4 ou equivalente como requisito”, subliña CIG-Ensino no seu comunicado.

Con todo, o sindicato educativo demanda que “se indique expresamente cando se vai realizar a proba” que “debe ser nun prazo inmediato á publicación definitiva de persoas admitidas a participar no concurso”, conclúe a central sindical.

Comentarios