A Consellaría de Educación enviou esta quinta feira un SMS aos 1.138 docentes de Educación Secundaria anunciándolles a obrigatoriedade de asistencia a un acto que decorrerá no día de mañá en Santiago de Compostela.

Porén, e segundo vén de denunciar a sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG), esta mensaxe é totalmente contraditoria cun escrito anterior recibido polo mesmo profesorado, nunha carta remitida por correo postal e asinada polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que se se lles indica que “nos próximos días recibirás o convite para participar nunhas xornadas de benvida”.
A Consellaría manipula o profesorado en prácticas para procurar que asista a un acto “de benvida” non obrigatorio.https://t.co/6SG7lizfQw pic.twitter.com/GnZxzJihI7
— CIG Ensino (@CIGEnsino) September 1, 2022
Para CIG Ensino, este cambio de postura do Goberno galego vén dado polo “fracaso” de asistencia na xornada dirixida ao corpo de mestres que tivo lugar no día de hoxe, xa que dun total de 903 docentes convocados asistiron menos de 80 persoas, apunta a central sindical nunha nota de prensa.
“É de supor que houbo directrices políticas para procurar que esa situación non se dese na xornada do día 2 de setembro, se for preciso, mentindo e buscando manipular a profesorado na fase de prácticas; unha fase que, non esquezamos, forma parte do proceso selectivo e aínda fai máis escandalosa a actuación da Consellaría”, denuncia CIG-Ensino.
Acto “político”
Neste sentido, o sindicato galego critica que este acto da sexta feira ten un marcado carácter “político”, xa que “consiste no desembarco da cúpula da Consellaría, sendo maior o número de cargos políticos que o de docentes con dilatada experiencia”.
Desde CIG-Ensino exixen unha rectificación polas mesmas canles, remitindo un SMS ao profesorado “pedindo desculpas e indicando que o acto ao que foron convidados ten carácter voluntario”. Aliás, desde a central sindical recomendan aos docente convocados “non asistir en sinal de protesta”.
“O sindicato tomará todas as medidas legais oportunas no caso de que a Consellaría pretenda, ilegalmente, considerar como parte da formación inicial un acto que non figura na programación desa formación nin foi previamente comunicada ao profesorado”, conclúe a nota de prensa publicada por CIG-Ensino.