Vitrasa insiste no "trasfondo político" da folga e cre que busca "enfastiar o Nadal"

"Son conscientes do dano que causa esta situación á mobilidade da cidade durante o Nadal, e así o puxeron de manifesto nas tres reunións que mantivemos días atrás durante as negociacións", dixo o director xeral de Vitrasa, Carlos González.
Un autobus urbano de Vigo na praza de América. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Un autobus urbano de Vigo na praza de América. (Foto: Vitrasa)

A concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, saíu ao pasado das acusacións realizadas esta cuarta feira polo comité de empresa sobre o conflito laboral que manteñen desde hai máis de dous anos, e que desembocou nunha folga indefinida desde o pasado 25 de novembro. A empresa insistiu en que esta medida de presión ten un "transfondo político" porque foi convocada para "enfastiar o Nadal".

A través dun comunicado e unhas declaracións remitidas aos medios, o director xeral de Vitrasa, Carlos González, insistiu en que a folga ten "intereses persoais e tamén políticos". "Son conscientes do dano que causa esta situación á mobilidade da cidade durante o Nadal, e así o puxeron de manifesto nas tres reunións que mantivemos días atrás durante as negociacións", sinalou.

Por outra parte, criticou novamente que o comité non accedese a suspender a folga dúas semanas, aínda que a empresa asegura que ofreceu retirar os expedientes sancionadores, e volveu acusar os sindicatos de ofreceren "datos nesgados" sobre os soldos dos traballadores.

A este respecto, repetiron que o salario mínimo de 27.400 euros correspóndese con persoal que entra novo, sen antigüidade, e que o salario medio do persoal xeral en 2022 superou os 33.500 euros brutos. Nese sentido, incidiu en que é "incomprensíbel" a "belixerancia" do comité coa "empresa —do sector— que mellor paga e mellores condicións ten" en toda a provincia de Pontevedra.

Tras insistiren en que a folga indefinida "só contou co apoio de 29 % do persoal", rexeitaron desde Vitrasa as manifestacións dos sindicatos sobre a suposta rendibilidade que a compañía está a obter nestes días de paro.

Así, a empresa, que insiste en que está "en perdas", recalcou que está a perder miles de usuarios e que tamén sofre danos económicos, non só pola caída de viaxeiros, senón tamén por episodios como os ataques a buses —o máis grave, ocorrido en maio pasado, cando se incendiou un autocar, valorado en 400.000 euros, episodio que é obxecto dun procedemento xudicial—.

Comentarios