A xustiza europea insta o Estado español a converter as interinas de longa duración en fixas

O tribunal sentencia que "non existen sucesivas relacións laborais".
Persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas). (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas). (Foto: Xunta da Galiza)

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) emitiu esta quinta feira unha sentenza na que determina que o Estado español non lexislou para evitar o abuso dos contratos indefinidos non fixos, como os interinos -moi habituais en sectores como a educación e a sanidade-, polo que insta o Goberno estatal e o resto de Administracións Públicas a converter estas traballadoras e traballadores en persoal fixo.

"Non existen sucesivas relacións laborais de duración determinada a efectos do Acordo Marco [sobre o traballo de duración determinada] pola mera razón de que un traballador estea vinculado á Administración mediante un único contrato indefinido non fixo [...], a permanencia deste traballador indefinido non fixo na praza en cuestión débese ao incumprimento por parte do empregador da súa obriga legal de convocar, no prazo estabelecido, un proceso selectivo para a cobertura definitiva da súa praza, de modo que a relación laboral, en consecuencia, foi renovada tacitamente durante varios anos, e podería comprometer o obxecto, a finalidade e a efectividade do devandito Acordo Marco", recolle o TXUE.

Por outra parte, o TXUE tamén ditou esta quinta feira que o persoal contratado a través dunha Empresa de Traballo Temporal (ETT) ten dereito a unha indemnización por accidente laboral que provoca incapacidade permanente igual á prevista para as persoas empregadas directamente pola empresa usuaria. 

Así mesmo, ditaminou que a obrigación de consultar os representantes sindicais en procesos de despedimento colectivo comeza no momento no que o empresario expón ou proxecta unha redución do persoal que pode superar os limiares previstos nas normas comunitarias.

Comentarios