Os traballadores de Alu Ibérica na Coruña anuncian mobilizacións así que as restricións o permitan

Os traballadores da planta de aluminio da Coruña ritican que a Xunta estea desaparecida no conflito con Parter.
Traballadores da antiga Alcoa queiman neumáticos ás portas da factoría da Coruña (Arquivo)
photo_camera Traballadores da antiga Alcoa queiman neumáticos ás portas da factoría da Coruña (Arquivo)

Os traballadores da planta coruñesa de Alu Ibérica, a antiga Alcoa, volverán saír á rúa tan pronto a situación o permita. Así o asegurou onte o presidente do comité de empresa da factoría, Juan Carlos López Corbacho, nun acto no que denunciaron a situación "crítica" na que se atopa o cadro de persoal. 

A súa intención era facer unha concentración ás portas da Delegación do Goberno español na Coruña este mesmo sábado, pero finalmente optaron por adiala até unha nova fase do desconfinamento para "non comprometer" a saúde das persoas participantes nin das forzas da orde.

 O futuro da planta segue no aire. "Non está claro" cal é a situación da nova propietaria, sinal o presidente do comité en alusión a Grupo Industrial Riesgo, que adquiriu un paquete accionarial de control hai unhas semanas a Parter Capital, que gañara a poxa para facerse coas antigas plantas da multinacional do aluminio Alcoa na Coruña e en Avilés (Asturias).

De momento, ninguén se pronunciou sobre un posíbel incumprimento das condicións da venda. "Non sabemos se Parter podía vender ao Grupo Riesgo, co cal estamos nunha indefinición grande agora mesmo", apunta o representante sindical. A isto únese que Alcoa comunicou que paraliza os pagos que tería que aboar a Parter polos compromisos adquiridos para destinalos a "un fondo notarial".

Neste escenario, o Grupo Industrial Riesgo anunciou esta semana investimentos "que levaban nove meses de atraso" para ofrecer "unha nova etapa de futuro" para Alu Ibérica. "O Grupo Riesgo fala de que se vai facer un investimento por encima do que tiña previsto Parter, pero a nós non se nos presentou ningún plan industrial", afea López Corbacho, quen lembra que ese plan "ten que estar avalado pola mesa industrial creada ao efecto, co aval do Goberno e a Xunta de Galiza". "Non nos podemos fiar das palabras, polo momento non temos nada por escrito", agrega.

Ante esta situación, o comité de Alu Ibérica reclama ao Ministerio de Industria unha nova reunión da mesa de seguimento da venda das plantas para "saber cal é a súa situación xurídica e legal", así como para "dar as máximas garantías de cara ao futuro". Tamén denuncia que a Xunta "está completamente desaparecida", a pesar de "ter todas as competencias de industria" na Galiza. "E non está a aparecer nin para facer unha simple chamada", lamentou

Comentarios