O conflito da limpeza intensifícase camiño dun mes de folga

A CIG traballará a prol da convocatoria dunha xornada de folga no conxunto do sector da limpeza, incluíndo aquelas empresas que teñen convenio propio, como son a universidade ou o Sergas
Manifestación do sector da limpeza en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación onte de traballadoras da limpeza en Lugo (Foto: Nós Diario)

Ás 1.800 traballadoras da limpeza na provincia de Lugo caducoulles o seu convenio en 2021, mentres loitaban en primeira fila contra a pandemia. Levan 24 días de folga para urxir á patronal un convenio "digno" e desde a CIG anunciaron onte que e vai "intensificar" o conflito no sector.

“A loita das traballadoras da limpeza é a loita de toda a central sindical. Pero tamén é unha maneira de reivindicar a loita das mulleres, que non se cingue só a dúas datas no ano”, afirmou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen compareceu en Lugo en rolda de prensa acompañado do secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Anto-nio Niño, e de Asunción Castiñeira, representante da CIG-Servizos no sector. Ter un sector como o da limpeza, onde o 95% son mulleres, cuns altos índices de precarie-dade e parcialidade e baixos salarios, tamén é violencia”, afirmou.

Folga no conxunto do sector

Anunciou Carril que a CIG promoverá pronunciamentos de comités de empresas de toda a provincia e de todos os sectores en apoio e solidariedade á loita da limpeza, e traballará a prol da convocatoria dunha xornada de folga no conxunto do sector da limpeza, incluíndo aquelas empresas que teñen convenio propio, como a universidade ou o Sergas.

O secretario xeral referiu que en Ourense e Pontevedra tamén están abertas as negociacións do convenio sectorial e na provincia da Coruña o convenio remata este 2023 e toca facer a revisión da cláusula salarial pactada. Todos este convenios teñen o “fío condutor común” da patronal estatal, Aspel, que agrupa as maiores compañías do sector como Acciona, Clece, Eulen, FCC, Ingesan, Lacera, Onet, Serveo ou Sacyr. Multinacionais, denunciou, “que acumulan millonarios beneficios e que están impedindo a través de Aspel que as negociacións se poidan desenvolver con normalidade e coa dignificación salarial necesaria”.

Beneficios "millonarios"

Criticou os millonarios beneficios destas empresas, que se fixeron coas adxudicacións máis importantes dos contratos públicos "ante o desleixo das Administracións, desprazando as empresas galegas e consolidando condicións de miseria para as traballadoras". 

Comentarios