As e os traballadores da planta da empresa Alu Ibérica na Coruña participaban hoxe nunha nova xornada de protestas para pedir a “intervención” da factoría, cando o día tornou nun dos máis tensos entre as dúas partes dos últimos tempos.
O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, explicou a Europa Press que cando estaban na concentración diante da Delegación do Goberno recibiron o aviso do despedimento dunha compañeira.
Corbacho fala dun “despedimento fulminante, con argumentos irracionais", o que provocou que a marea de operarias e operarios se trasladara até as portas da planta do polígono de A Grela. Alí, dentro das instalacións, houbo tensións coa dirección con motivo da “discusión” pola rescisión de contrato da empregada.
Ambas partes chamaron á Policía que chegou a intervir. “Foron momentos de alta tensión”, recoñeceu o representante.
Ademais, engadiu que hai traballadoras “que non cobraron a paga extra, outros non cobraron o mes de outubro e outros novembro”. “Onte deixouse sen limpar a planta e estivo Inspección Traballo”, apuntou Corbacho.
Pola súa parte, a dirección de Alu Ibérica emitiu un comunicado para amosar o seu “profundo rexeitamento á violenta actuación que o comité de empresa exerceu hoxe contra os traballadores da planta da Coruña”.
A compañía chega a acusar ao comité de deixar “feridos e afectados” dos que se tivo que facer cargo. Ademais vén de abrir unha investigación “para esclarecer o ocorrido, base sobre a que se estudarán accións legais co obxectivo de protexer aos traballadores da planta”.