O comité de Alu Ibérica denuncia que a produción está "parada" e a empresa asegura "absoluta normalidade"

"Desde a metade da quenda desta noite (22:00 a 6:00 horas) a produción está parada por non abastecer Grupo Risco o aluminio de reciclaxe necesaria nin tampouco o aluminio primario (lingote LME) para mantela en marcha".
Concentración de Alu Ibérica (Nós Diaria)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha concentración de Alu Ibérica (Nós Diario)

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña denunciou que "desde a metade da quenda desta noite (22:00 a 6:00 horas) a produción está parada por non abastecer Grupo Risco o aluminio de reciclaxe necesaria nin tampouco o aluminio primario (lingote LME) para mantela en marcha".

"Esta é a segunda vez que ocorre algo parecido, pois xa o 6 de outubro do presente ano a produción parouse un tres horas por falta de subministración de fuel, combustíbel necesario para manter acendidos os fornos de elaboración na fundición", advirte a representación dos traballadores nunha nota de prensa.

Os traballadores da factoría, que até 2018 estaba en mans de Alcoa, anunciaron a semana pasada que levarán á Fiscalía o proceso de venda

Ante esta comunicación, a dirección de Alu Ibérica responde que, dentro do plan industrial deseñado para a planta de aluminio da Coruña, "contemplouse a reparación e posta en funcionamento do segundo forno da planta, o denominado forno 1B, co obxectivo de aumentar a produtividade". "Esta reparación finalizou o pasado mes de setembro", sinala.

O persoal pide á Xunta e ao Estado que interveña. Os traballadores da factoría, que até 2018 estaba en mans de Alcoa, anunciaron a semana pasada que levarán á Fiscalía o proceso de venda, primeiro ao fondo suízo Parter, e posteriormente a Grupo Riesgo. Denuncian que a súa situación é critica e animan ás administracións a dar o paso para garantir a continuidade dun sector estratéxico que dá emprego a centos de persoas no país. 

Desde o punto de vista do representante das e dos empregados “hai suficiente documentación e información para que se obre con contundencia”. Así falou a respecto do acordo que existiu entre Alcoa e Parter e, máis tarde, entre Parter e o Grupo Riesgo.

Comentarios