A CIG, CCOO e UXT denuncian a "persecución" de Alu Ibérica

Sindicatos e persoal da factoría concentráronse para pedir a retirada do expediente sancionador ao presidente do comité de empresa, Juan Carlos Corbacho
Concentración de Alu Ibérica (Nós Diaria)
photo_camera Concentración de Alu Ibérica (Nós Diaria)

A presentación dun expediente sancionador ao presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos Corbacho, contestouse esta quinta feira cunha concentración diante da fábrica na Coruña. Máis dun cento de traballadoras e traballadores exixiron á compañía que retirase a acusación ao representante do cadro de persoal sinalando que a dirección quere emprender unha "persecución" contra a representación sindical. Na mobilización participaron representantes do sector da industria da CIG, CCOO e UXT, que cargaron contra o expediente disciplinario ao traballador por "falta de respecto" á dirección, que podería significar o seu despedimento disciplinario. 

Os sindicatos van presentar alegacións

Xoán Xosé Bouza, secretario nacional da CIG-Industria, explica a Nós Diario que a solución ao conflito "non é a represión sindical, pasa por cumplir o acordado e facer os investimentos pendentes para garantir a continuidade e os postos de traballo".

Desde UXT, o seu secretario xeral da Federación de Industria, Construción e Agro (FICA), Javier Carreiro, denuncia que "Alu Ibérica, en plan caciquil está coaccionado o comité de empresa". Informa que na planta asturiana de Avilés tamén abriu un expediente a catro traballadores, un por cada central sindical. "Do plan industrial que se prometeu non se está facendo nada e queren calarnos a boca, algo que non permitiremos", asegura este sindicalista. 

As centrais xa anunciaron que pensan presentar alegacións ao expediente da empresa e despois a compañía propoñerá a sanción, que, de inicio, cualifican de "moi grave".  Carreiro afirma a Nós Diario que non cederán "diante de chantaxes de Alu Ibérica de tentar coaccionar o comité de empresa cando este se está dedicando a defender os intereses do colectivo".

Comentarios