Telefónica asina o ERE que destruirá perto de 200 empregos na Galiza

Finalmente, a compañía optou por equiparar as condicións económicas ofrecidas aos empregados e ás empregadas que finalmente saian da empresa ás do anterior plan de saídas, negociado no ano 2021, nunha proposta que foi trasladada aos sindicatos o pasado 21 de decembro de 2023.
Sede central de Telefónica en Madrid (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Sede central de Telefónica en Madrid (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A compañía operadora de servizos de telecomunicacións Telefónica e os sindicatos con representación nela (UXT, CCOO e Sumados-Fetico), asinaron na tarde de onte o Expediente de Regulación de Emprego (ERE)  que destruirá ao redor de 200 postos de traballo na Galiza. No conxunto do Estado español, o ERE acabará cun total de 3.400 empregos aproximadamente.

Finalmente, a compañía optou por equiparar as condicións económicas ofrecidas aos empregados e ás empregadas que finalmente saian da empresa ás do anterior plan de saídas, negociado no ano 2021, nunha proposta que foi trasladada aos sindicatos o pasado 21 de decembro de 2023.

Adscrición voluntaria

O período de adscrición voluntaria a este ERE de Telefónica terá lugar entre os días 9 de xaneiro e 8 de febreiro de 2024 e a contestación por parte da empresa deberá ter lugar o 14 de febreiro. As saídas comezarán o 29 de febreiro do presente ano, mais o expediente estará aberto até o 31 de marzo do ano que vén.

Desta maneira, Telefónica ofreceu ao persoal nado en 1968 unha renda de 68% do salario regulador até os 63 anos e de 38% até os 65. Para as persoas nadas en 1967, 1966, 1965 ou 1964, a oferta é de 62% do salario regulador até os 63 anos e de 34% até os 65, ao que se suma unha bonificación de voluntariedade de 10.000 euros.

No caso do persoal nado en 1963 ou anos anteriores, Telefónica ofrece unha renda de 52% do salario regulador até os 63 anos e de 34% até os 65, ao que tamén engade unha bonificación estabelecida en 10.000 euros.

Comentarios