O ERE de Telefónica destruirá ao redor de 200 empregos na Galiza

Previsibelmente, a sinatura terá lugar o 3 de xaneiro.
Un camión da empresa Telefónica, esta cuarta feira en Compostela (Foto: R. S.).
photo_camera Un camión da empresa Telefónica, esta cuarta feira en Compostela (Foto: R. S.).

O vindeiro 3 de xaneiro, previsibelmente, asinarase o preacordo do convenio colectivo e do expediente de regulación de emprego (ERE) de Telefónica, que afectará 3.421 empregados e empregadas no conxunto do Estado español.

En concreto, a multinacional propuxo 2.958 saídas para Telefónica de España, case 28% menos que as 4.085 propostas pola firma ao comezo das negociacións; 397 no caso de Telefónica Móbiles, case 59% menos que as 958 iniciais, e 66 en Telefónica Solucións, case 19% menos que as 81 que pretendía a compañía.

Por tanto, Telefónica reduciu a afectación do despedimento colectivo en 33% en relación coas 5.124 saídas que propuxo aos sindicatos ao comezo das negociacións. De manterse esta proporcionalidade nas diferentes autonomías do Estado (polo de agora non se coñecen estes datos), na Galiza produciríanse un total de 207 saídas da multinacional (das 339 iniciais).

Finalmente, a compañía optou por equiparar as condicións económicas ofrecidas aos empregados e ás empregadas que finalmente saian da empresa ás do anterior plan de saídas, negociado en 2021, nunha proposta trasladada aos sindicatos o pasado 21 de decembro.

Desta maneira, Telefónica ofreceu ao persoal nado en 1968 unha renda de 68% do salario regulador até os 63 anos e de 38% até os 65. Para as persoas nadas en 1967, 1966, 1965 ou 1964, a oferta é de 62% do salario regulador até os 63 anos e de 34% até os 65, ao que se suma unha bonificación de voluntariedade de 10.000 euros.

No caso do persoal nado en 1963 ou anos anteriores, Telefónica ofrece unha renda de 52% do salario regulador até os 63 anos e de 34% até os 65, ao que tamén engade unha bonificación estabelecida en 10.000 euros.

O período de adscrición voluntaria a este ERE terá lugar entre o 9 de xaneiro e o 8 de febreiro de 2024 e a contestación da empresa terá lugar o 14 de febreiro. As saídas comezarán o 29 de febreiro do ano que vén, mais o expediente estará aberto até o 31 de marzo de 2025.

Comentarios