Até 90 postos de traballo en risco: Stellantis avanza un ERE na súa factoría de Vigo

Fontes sindicais ven "incongruente" que a empresa "siga solicitando axudas públicas, siga realizando contratación e simultaneamente poña un ERE encima da mesa".
Cadea de montaxe de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cadea de montaxe de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)

Stellantis Vigo presentou aos representantes sindicais a proposta dun expediente de regulación de emprego (ERE) voluntario para 90 postos de traballo, dos cales 60 serían de estrutura e 30 de taller. Segundo trasladaron fontes sindicais, o ERE exposto tería unha vixencia desde este 19 de xaneiro até a mesma data do ano que vén.

A mesa de negociación quedou constituída esta mesma sexta feira e prevense tres reunións a partir da próxima quinta feira 25 de xaneiro e até o 2 de febreiro.

Vítor Mariño, do sindicato CUT, ve "incongruente" que a empresa "siga solicitando axudas públicas, siga realizando contratación e simultaneamente poña un ERE encima da mesa". "Parece que as axudas públicas se utilizan para amortizar postos de traballo", sinalou.

O representante sindical cre que este ERE non vai cambiar " nada" respecto ao aplicado en 2023. Con todo, insiste en que "van seguir amortizando non postos de traballo, senón traballadores con certa antigüidade para, á súa vez, seguir contratando por abaixo con condicións e contratos por abaixo e a tempo parcial".

Nova plataforma

Stellantis presentou a plataforma STLA Large, a súa nova plataforma para vehículos eléctricos de batería (BEV) con até 800 quilómetros de autonomía e sobre a que a compañía construirá unha "ampla gama" de vehículos dos segmentos D e E, como o lanzamento de oito modelos de cinco marcas entre 2024 e 2026.

Stellantis sinalou que a plataforma STLA Large, a segunda desvelada tras o lanzamento da Medium en xullo do ano pasado das catro que anunciaron en 2021, instalarase en plantas de Europa e América do Norte, mentres que estará dispoñíbel tamén noutras variantes de motorización, como a híbrida e a de combustión interna.

"A flexibilidade e axilidade desta plataforma é o seu selo distintivo e será unha forza impulsora do noso éxito no cambio cara á electrificación en América do Norte", destacou o conselleiro delegado de Stellantis, Carlos Tavares.

Comentarios