A alta tensión chegará a Vigo antes de 2026 cun investimento de 72 millóns

A nova infraestrutura poderá ser empregada no sector da automoción.
Cadea de montaxe da factoría de Stellantis en Vigo, onde 
se ten recortado a produción nos últimos tempos (Foto: Europa Press).
photo_camera Cadea de montaxe da factoría de Stellantis en Vigo, onde se ten recortado a produción nos últimos tempos (Foto: Europa Press).

O Ministerio español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico informou esta sexta feira do inicio da modificación puntual da Planificación de electricidade con horizonte 2026, elevando a súa cifra investidora en 4,6%, até os 7.285 millóns de euros.

No seu documento, o Ministerio español explica que as necesidades asociadas á transición enerxética e á electrificación e á dixitalización da economía están a dar pé "á aparición de novos proxectos industriais de grande envergadura, de carácter estratéxico, con gran capacidade de propulsar o crecemento económico e o emprego".

"Moitos deles caracterízanse por implicar uns consumos de electricidade significativos, razón pola cal se require o seu abastecemento de forma directa desde a rede de transporte eléctrica. En concreto, xurdiu a necesidade de abastecemento desde a rede de transporte deste tipo de consumidores na zona de Vigo", recolle o Executivo do Estado español, referíndose, sen nomear a firma, a Stellantis.

Por iso, para atender esta demanda, propón desenvolver en Vigo a moi alta tensión (220 quilowatts), cun investimento de perto de 72 millóns de euros, que contará cunha nova subestación eléctrica. Tamén engadiu unha nova subestación na comarca do Eume, onde "xurdiu a necesidade de conexión dun novo bombeo e de novos consumidores desde a rede de transporte eléctrica", así como nas comarcas de Ferrol e Viana.

Pola súa parte, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, anunciou que a Xunta presentará alegacións á ampliación de fondos para a rede eléctrica ao ter "serias dúbidas" de que garanta a viabilidade de varios proxectos industrias na Galiza.

Comentarios