A Xunta evita comprometerse coa nova fábrica de baterías para Vigo

Carmela González critica a política industrial realizada polo PP.
Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo (Foto: Víctor Cameselle).
photo_camera Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo (Foto: Víctor Cameselle).

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, considerou esta cuarta feira que é "imprescindíbel" para a planta de Stellantis que a adxudicación de fondos da sección B do Perte VEC II, centrada en novos modelos de vehículo eléctrico, se faga "canto antes".

En resposta a unha pregunta do BNG na Comisión de Industria, Vázquez dixo esperar que a asignación de fondos da segunda liña deste Perte sexa "satisfactoria para os plans de investimento de Stellantis na Galiza" para a súa nova plataforma de vehículos eléctricos, "unha infraestrutura fundamental para despexar o futuro" do sector.

Por outra parte, criticou que para a Galiza "apenas chegase 2% dos Perte de automoción", e tamén reprobou que "hai tres anos que se anunciaron Perte industriais e hai algúns que nin se chegaron a convocar".

Ademais, o alto cargo da Xunta da Galiza cargou contra o BNG por non incluír no seu acordo para a reelección de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español "ningunha" medida neste ámbito industrial, e cualificou "de broma" que agora llo exixan ao Executivo galego.

Ao respecto, a deputada do BNG Carmela González lembrou a Vázquez que quen "está gobernando" é o PP e quen ten responsabilidades, mais agradécelle que saque a colación ese acordo porque ten claro que "en meses" os populares xa "non van estar gobernando". A deputada tamén lamentou que a Xunta "evite comprometerse sobre a instalación da fábrica de baterías na área de Vigo".

Ademais, González alertou da "incerteza" que se vive na automoción galega, que "fai temer polo seu futuro". A nacionalista criticou a falta de iniciativa da Xunta fronte a outros Gobernos como o de Aragón que fixo unha "aposta decidida" e "o traballo necesario" para a instalación dunha fábrica de baterías en Zaragoza. Finalmente, denunciou a perda de 6.100 empregos industriais en Vigo desde a chegada do PP ao Executivo galego.

Comentarios