O sindicato de Vox convoca unha folga xeral contra a amnistía... que sería ilegal

A lei impide a convocatoria de folgas con motivación política, como sería o caso da anunciada para o vindeiro 24 de novembro polo sindicato de extrema dereita Solidaridad.
Santiago Abascal, nun acto do sindicato ultra Solidaridad. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Santiago Abascal, nun acto do sindicato ultra Solidaridad. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O sindicato Solidaridad, ligado e impulsado pola formación ultraespañolista Vox, convocou para a vindeira sexta feira, 24 de novembro, unha folga xeral en todo o Estado español co pretexto de "defender a unidade de España" e mostrar o seu rexeitamento á futura Lei de amnistía e os pactos do PSOE para a investidura de Pedro Sánchez —cuxo debate foi convocado para esta cuarta feira, 15 de novembro— baixo o lema 'Fronte á desigualdade, fronte á traizón'. A motivación da folga, porén, podería ser considerada contraria á lexislación vixente e polo tanto ilegal a convocatoria, pois o real decreto-lei 17/1977, encargado de regular o dereito a folga, estabelece no seu artigo 11 que a mesma será considerada ilegal "cando se inicie ou se sosteña por motivos políticos ou con calquera outra finalidade allea ao interese profesional dos traballadores afectados".

A maiores, o Ministerio de Traballo, só permite que os axentes sociais recoñecidos como maioritarios poidan convocar unha folga xeral, un terreo acoutado a UXT e CCOO por seren os sindicatos máis representativos a nivel estatal —acreditan até 10% do total de delegados do cadro de persoal, dos membros dos comités de empresa e dos correspondentes órganos das administracións públicas e os sindicatos ou entes sindicais—. E, por tanto, quer xuntos ou en solitario, están detrás de todas as folgas xerais convocadas no Estado en período constitucional.

Desde Solidaridad deféndense argumentando que a xurisprudencia indica que non se pode negar o dereito a folga aos sindicatos minoritarios por ser un dereito fundamental, segundo trasladan fontes da organización de extrema dereita en declaracións á axencia Europa Press. Ante isto, tras a presentación de 100.000 sinaturas e o rexistro no Ministerio de Traballo, desde Solidaridad puideron formalizar a convocatoria de folga para sumala así ao rexeitamento que Vox mostrou en numerosas ocasións á amnistía e os pactos de goberno.

"É o momento dun paso máis, facemos un chamamento a todos os traballadores, as súas familias, asociacións, federacións, colectivos, sindicatos, partidos e cidadáns preocupados pola unidade de España e a defensa dos dereitos laborais", apuntaron desde Solidaridad na convocatoria. Ao seu xuízo, as "cesións" dos socialistas "provocarán un marco de desigualdade para os traballadores no conxunto de España".

Mais segue no ar a posíbel concorrencia dunha motivación política tras a folga, cuestión á que o líder do partido ultra, Santiago Abascal, tentou saír ao paso alegando que a folga é "absolutamente necesaria e pertinente" e que "o político e o laboral están extremadamente unidos". Neste punto aludiu acordos de investidura de Sánchez, cos que "se vai condonar a débeda só a unha parte de España" —en referencia a Catalunya, malia non ser isto certo— que ou "se vai romper a caixa única da Seguridade Social", decisións ambas as dúas que alegou que "acabarán afectando o resto de traballadores de España, que as pagarán en forma de débeda e de precariedade".

Abascal mantén a narrativa do suposto "golpe de Estado" para se referir aos acordos alcanzados por Sánchez con Junts, ERC, BNG, EH Bildu, Coalición Canaria e PNV para sacar adiante a súa investidura, ao tempo que os cualifica de "ataque brutal aos dereitos dos traballadores e á súa propia prosperidade". De aí conclúe a pertinencia da folga xeral promovida por Solidaridad.

Comentarios