O PP, coa adhesión de Vox, mobilízase na Galiza e Estado contra a amnistía e os pactos cos independentistas

Varios membros do Goberno galego, con Alfonso Rueda á fronte, participaron nas concentracións no país. O PP cifra a asistencia ás súas mobilizacións na Galiza en 30.000 persoas, número que a Delegación do Goberno estatal rebaixa a 13.000 participantes. Ao finalizar as protestas na Coruña e Pontevedra, algúns dos participantes dirixíronse até as sedes do PSOE

MANI PP
photo_camera (Foto Capa: Europa Press / Foto interior: PPdeG)

Na defensa de España, da constitución, da igualdade entre os españois. Contra Pedro Sánchez, contra o nacionalismo, contra o independentismo e a amnistía. PP e Vox coincidiron este domingo nas mobilizacións convocadas polos primeiros no Estado e na Galiza e ás que se sumaron os segundos.

As concentracións no país decorreron nas capitais das catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Nesta última, segundo datos da Policía Local, participaron por volta de 2.000 persoas, cifra que os organizadores elevan a 10.000. 

Na concentración desta cidade tomou parte o presidente da Xunta da Galiza e do PP galego, Alfonso Rueda, e conselleiros como o de Sanidade ou de Educación, García Comesaña e Román Rodríguez. O manifesto foi lido en Pontevedra polo ex ciclista Óscar Pereiro. Rueda destacou a importante afluencia ás mobilizacións . 

Nas mobilizacións houbo multitude de consignas, moitas delas dirixidas ao presidente do Goberno en funcións e ao líder de Junts, como 'Puigdemont a prisión', 'Non é un presidente, é un delincuente', 'Sánchez fóra, deshonras a túa bandeira' ou 'Non é un presidente, é un ditador'. Lanzáronse cánticos relacionados coa unidade do Estado, como 'España unida xamais será vencida', 'España é unha e non cincuenta e unha' ou 'Unidade nacional',.

Na Coruña, a organización cifra os asistentes en ao redor de 10.000. Unha vez finalizada, varios centos de persoas trasladáronse até a sede do PSdeG, algo que tamén aconteceu en Pontevedra. Nesta última cidade, 'Sánchez, golpista, ti es o fascista', 'Viva Cristo Rei' ou 'Arriba España' foron algúns das lemas que se corearon durante máis de media hora ás portas do local socialista, pontevedrés, onde tamén se pronunciaron frases como 'Non é unha sede, é un puticlub', 'España cristiá, non musulmá' ou 'Nunca acabarán coa España nacional'. Ademais, lanzáronse 'vivas' a España, ao Exército, a Garda Civil, a Lexión e a Policía.

O PP da Galiza cifrou en máis de 30.000 os asistentes ás protestas nas catro capitais de provincia. Segundo os populares galegos, A Coruña e Pontevedra foron as máis multitudinarias, con máis de 10.000 persoas nos Xardíns de Méndez Núñez e na Praza da Peregrina. Ademais, fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo concentráronse máis de 4.000 persoas, do mesmo modo que na chaira do Auditorio municipal de Ourense.

A Delegación do Goberno español na Galiza, pola súa parte, calcula nuns 13.000 os asistentes ás protestas convocadas polo PP. En concreto, 6.500 persoas concorreron á concentración da Coruña; 4.000 á de Pontevedra; 2.500 á de Lugo; e 300 á de Ourense.

No acto da Coruña acudiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, entre outros cargos do partido.

En Lugo, fronte á Subdelegación do Goberno tomaron a palabra a presidenta provincial, Elena Candia, así como o deputado Francisco Conde e o senador José Manuel Barreiro. Entre as consignas pronunciadas polos asistentes, cánticos contra a amnistía e o Goberno, pero tamén un grupo de manifestantes entoou cánticos contra o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, como 'Besteiro a prisión'.

En Ourense, reunidas máis de 4.000 persoas segundo o PPdeG e 300 segundo a Delegación do Goberno fronte ao Auditorio Municipal, o encargado de ler o manifesto dos populares foi o presidente da xestora do PP de Ourense e presidente da Deputación, Luís Menor.

Feixoo: "Non calaremos até falar nunhas eleccións"

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, avisou o presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, de que o PP "non calará" até que poida volver falar " nunhas eleccións", todo iso despois do acordo do PSOE con Junts que inclúe a amnistía.

"Non calaremos até falar nunhas eleccións e que todos podamos outra vez votar porque o que se está facendo é o contrario do que votamos", subliñou Feixoo na manifestación do PP en Madrid contra a amnistía e a investidura de Sánchez, a central das convocadas pola formación nas prazas das 52 capitais de provincia.

Comentarios