domingo 27/09/20

Sete semanas despois PSA Vigo reinicia a súa actividade

A apertura será gradual e afectará a máis de 3.400 traballadoras e traballadores das 7.400 do seu cadro de persoal. O feche da fábrica levou que se deixasen de producir 2.200 vehículos por día.

Operarias e operarios acceden á factoría de PSA Citröen en Vigo (Grupo PSA)
Operarias e operarios acceden á factoría de PSA Citröen en Vigo (Grupo PSA)

A factoría que PSA Citröen ten en Vigo volve á actividade este 11 de maio. O reinicio da actividade será gradual. Nun principio afectará a máis de 3.400 das 7.400 persoas empregadas na fábrica e desenvolverase en dúas fases que se iniciarán tras a continuación da actividade e despois do verán, respectivamente.

A planta viguesa da multinacional da automoción volve tras sete semanas nas que a produción de vehículos permaneceu suspendida pola crise sanitaria da COVID-19

Estes días incorporaranse as empregadas e empregados da quenda matutina, mentres os demais grupos farano durante as próximas semanas. Esta situación débese ao expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) ordinario que se aplicará cando se reinicie a actividade co obxectivo de adaptar o nivel de produción á evolución dos mercados.

Durante as vindeiras semanas procederase a reincorporar aos postos de traballo as quendas de mañá, tarde e noite, que se rotarán para permitir que se aplique o ERTE durante un período similar a todas as operarias e operarios afectados.

A volta ao traballo tamén estará marcada pola diminución do nivel de produción, que se verá afectado pola redución da velocidade das liñas de montaxe acordada no marco do protocolo de medidas de seguridade que se implantará para evitar a propagación da COVID-19. O feche da fábrica levou que se deixasen de producir 2.200 vehículos por día.

Plan de prevención que non convence a todos os sindicatos

PSA Citröen conta cun plan de prevención que, aseguran, garante que se realizará un control de temperatura no acceso ás fábricas e recomenda que os desprazamentos se realicen de maneira individual.

Ademais, a multinacional comprométese a subministración de máscaras e xel hidroalcohólico, así como a limpeza "frecuente" de ferramentas e outros útiles de traballo.

Entre as recomendacións indican que se deberán manter as portas dos centros abertas para evitar o contacto cos pomos por parte do persoal e estabeleceranse marcas no chan para facilitar o mantemento da distancia de seguridade.

Atrasarase unha hora a entrada das quendas e, de maneira adicional, o persoal deberá utilizar lentes e máscaras. Así mesmo, a empresa asegurou que se contará con equipos que verificarán a diario a aplicación das medidas e elementos de barreira no centro, ademais de pór en marcha accions correctivas se resulta necesario.

PSA informa que este plan foi avalado polo sindicato independente e UXT e rexeitado por CCOO, CIG e CUT o pasado mes de abril. Ademais, os portavoces de UXT e CUT advertiron de que se controlará o seu cumprimento, mentres a CIG considerou insuficientes as medidas de seguridade estabelecidas e criticou a "falta de información" facilitada sobre o proceso de continuación dos traballos.

comentarios