A Seguridade Social perde 11.752 cotizantes en xaneiro na Galiza

No total da Galiza, 828.446 cotizantes corresponden ao réxime xeral, 203.788 son persoas autónomas e 18.296 traballan no mar.
828.446 cotizantes corresponden ao réxime xeral na Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera 828.446 cotizantes corresponden ao réxime xeral na Galiza. (Foto: Arxina)

A Seguridade Social perdeu unha media de 11.752 cotizantes na Galiza durante xaneiro, o que supón un 1,11% menos que un mes antes, segundo datos publicados esta sexta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Desta maneira, o número total de afiliados e afiliadas quedou en algo máis de 1,05 millóns de persoas no conxunto do país, gañando 19.792 cotizantes no último ano, un 1,92% máis.

Por circunscricións, o sistema contabiliza 455.783 afiliados na da Coruña (un 2,32% máis que hai un ano), así como 122.793 en Lugo (+1,22%), 104.526 en Ourense (+1,47%) e 367.428 en Pontevedra (+1,78%). No total da Galiza, 828.446 cotizantes correspondían ao réxime xeral, así como 203.788 eran persoas autónomas e 18.296 traballaban no mar.

Datos estatais

A nivel estatal, a Seguridade Social perdeu unha media de 231.250 cotizantes en xaneiro respecto ao mes anterior (-1,1%) polo fin da campaña do Nadal, o que se notou especialmente na hostalaría e o comercio, sectores onde a ocupación retrocedeu no arranque do ano en 46.000 e 45.000 persoas, respectivamente. Após o retroceso de xaneiro, o número de afiliados medios situouse en 20.604.761 cotizantes, o seu nivel máis elevado neste mes dentro da serie histórica, sempre segundo datos do Ministerio.

O descenso de afiliadas medias de xaneiro deste ano é o maior neste mes desde 2020, cando se perderon algo máis de 244.000 persoas ocupadas. En 2023, a afiliación baixou en xaneiro en 215.047 persoas, mentres que en 2022 e 2021 perdéronse 197.750 e 218.953 ocupadas, respectivamente. No último ano, a Seguridade Social gañou 523.537 afiliadas en valores medios, cun crecemento interanual de 2,6%.

En termos desestacionalizados, o número de cotizantes á Seguridade Social subiu no primeiro mes do ano en 38.357 afiliacións (+0,2%) respecto ao mes anterior, até un total de 20.881.293 traballadores e traballadoras, "o mellor dato da serie histórica", subliñou o Departamento que dirixe Elma Saiz. Dentro da serie desestacionalizada, creáronse 544.524 empregos no último ano e máis de 1,5 millóns respecto ao nivel previo á pandemia, en decembro de 2019.

Baixa a ocupación en ambos os sexos e entre poboación estranxeira

O descenso mensual de afiliadas e afiliados medios en xaneiro afectou máis as mulleres, que perderon no mes 119.879 cotizantes respecto de decembro de 2023 (-1,2%), fronte a un retroceso do emprego masculino de 111.371 ocupados (-1%). Con esta caída, o número de homes ocupados finalizou xaneiro en 10.868.382 cotizantes, en tanto que a cifra de mulleres traballadoras situouse por baixo dos 9,8 millóns após tres meses consecutivos por riba desta cota.

En concreto, xaneiro fechou con 9.736.379 ocupadas, o 47,3% do conxunto de afiliados e a maior cifra neste mes dentro da serie histórica. Son case 300.000 traballadoras máis que en xaneiro de 2023. "Cantidade e calidade na creación de emprego seguen a ser unha das principais características do cambio estrutural que se consolida no noso mercado laboral. Destaca especialmente este comportamento entre as mulleres. Hai máis mulleres que nunca traballando e as súas bases de cotización crecen máis cas dos homes. Desta forma avanzamos na redución da fenda de xénero", destacou a ministra Elma Saiz.

O Ministerio subliñou que, en comparación co nivel previo á pandemia, a afiliación feminina creceu un 11,7% no período xaneiro-decembro, catro puntos máis do que aumentou a masculina. Esta mellora reflectiuse nas bases de cotización das mulleres, que crecen a un ritmo de 16%.

Pola súa parte, a afiliación media de persoas estranxeiras descendeu en xaneiro en 37.183 cotizantes, un 1,4% menos respecto ao mes anterior, até situarse en 2.631.593 ocupados e ocupadas.

Comentarios