VÍDEO

2.000 delegadas da CIG mobilízanse en Compostela contra a precariedade: "Hai que derrogar a reforma laboral"

"Hoxe máis de 52% das familias pobres teñen emprego, é o que evidencia o resultado onde as estatísticas cambian os datos, pero non poden ocultar unha crecente precariedade como se ve nun incremento en máis de 125% dos contratos a tempo parcial ou fixos descontinuos", lamentou o secretario xeral, Paulo Carril.
Protesta da CIG contra a precariedade laboral polas rúas de Santiago, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta da CIG contra a precariedade laboral polas rúas de Santiago, hoxe. (Foto: Europa Press)

Delegados e delegadas da CIG de todo o país clamaron esta quinta feira en Santiago de Compostela contra a "precariedade laboral" e pediron a "derrogación da reforma laboral de 2012" e un "cambio substancial" na aprobada hai dous anos. A manifestación, encabezada cunha pancarta co lema da campaña, 'Stop precariedade. Traballo digno', saíu do Multiusos Fontes do Sar e discorreu polas rúas da capital galega até chegar a San Caetano, coincidindo coa reunión semanal do Executivo galego.

Durante a marcha, que segundo detallou o sindicato participaron arredor de 2.000 delegados e delegadas sindicais das máis de 5.000 que son en total, escoitáronse cánticos como 'hai que derrogar a reforma laboral' ou 'organización e loita para avanzar en dereitos'. Con esta protesta deron comezo á campaña coa que a central sindical pretende "dar unha resposta" á reforma laboral implantada hai dous anos, que "multiplicou a precariedade" e "xeneralizou a contratación a tempo parcial e a fixa-descontinua".

"Hoxe máis de 52% das familias pobres teñen emprego, é o que evidencia o resultado onde as estatísticas cambian os datos, pero non poden ocultar unha crecente precariedade como se ve nun incremento en máis de 125% dos contratos a tempo parcial ou fixos descontinuos", lamentou o secretario xeral, Paulo Carril.

O que buscan con esa campaña é que haxa "unha derrogación" da reforma laboral de 2012, que o Goberno estatal "aínda non derrogou", pero tamén que haxa unha "modificación substancial" da reforma laboral aprobada hai dous anos que "é o que permite" que as novas modalidades de contratación "fagan que se institucionalice e legalice" a existencia da "persoa traballadora pobre".

Así, no marco desta acción lanzaron un paquete de propostas para exixir que haxa "unha nova lexislación laboral" para que se "restitúan" dereitos laborais "roubados" e que se aproben "novas regulacións" que permitan "facer que sexa real" a creación de "emprego digno".

Nesta xornada, antes da manifestación a CIG convocou unha asemblea nacional de delegados e delegadas, un acto de "reafirmación" xa que, tras finalizar o proceso de eleccións sindicais, a CIG consolidouse de novo, catro anos despois, como "primeira central sindical".

"Condición que xa tiñamos conseguida hai catro anos e que agora renovamos, pero aumentando e obtendo máis representación, 1,59 puntos máis que catro anos antes, con perto de 600 delegados máis nas empresas. Por tanto, confirmando a hexemonía que a CIG ten como primeira central sindical na Galiza", afirmou Paulo Carril.

Comentarios