A Seguridade Social suma 9.670 afiliacións en xullo na Galiza

Tamén baixa o paro na Galiza, con 1.082 persoas menos rexistradas como desempregadas nas oficinas de emprego.
Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
photo_camera Baixa o paro e soben as afiliacións á Seguridade Social na Galiza. (Foto: Arxina)

A Seguridade Social gañou 9.670 persoas afiliadas na Galiza en xullo, o que supón unha repunta de 0,92% a respecto do mes anterior, segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Así, o país rexistrou no sétimo mes do ano un mellor comportamento que a media estatal, xa que no total do Estado a Seguridade Social perdeu 7.366 cotizantes en xullo, rachando así coa súa serie de crecemento.

Desta maneira, a Galiza alcanzou as 1.058.193 persoas afiliadas en xullo, isto é, 2,12% máis que no mesmo mes de 2021, gañando nos últimos doce meses até 21.921 cotizantes.

O paro rexistrado minguou en 0,77% este mes de xullo

Por outra parte, o Ministerio de Traballo e Economía Social informou de que o número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego descendeu en 1.082 en xullo na Galiza, o que supón 0,77% menos que no mes anterior.

Desta forma, o paro comportouse de mellor forma no país que na media estatal, xa que no total do Estado o desemprego aumentou o mes pasado nunhas 3.230 persoas, 0,1% máis que en xuño.

Nos últimos doce meses, o paro contabilizou unha baixada de 12.084 persoas na Galiza, é dicir, 7,95% menos que en xullo de 2021, deixando un total de 139.850 persoas anotadas nas oficinas de emprego.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios