VÍDEO NO INTERIOR

Seguimento "masivo" da folga de autobuses convocada por CIG, CCOO e UXT: "As empresas rin dos traballadores"

O persoal mobilizado denuncia salarios "no limiar da pobreza", con xornadas "de 12 a 13 horas".
Protesta ás portas da estación de autobuses de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Protesta ás portas da estación de autobuses de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

*Información actualizada ás 14.05 horas

A folga do sector do transporte de viaxeiros por estrada está a decorrer esta sexta feira cun seguimento "masivo" en todo o país, "por riba de 90%" e "roldando o 100%" nalgúns casos, segundo as estimacións dos tres sindicatos convocantes —CIG, CCOO e UXT—, que celebran a elevada participación. Desde a Federación Galega de Transportes (Fegatramer), pola súa parte, valoran tamén que "discorre con normalidade", malia que nas cidades quedaron bloqueadas as saídas, en particular as estacións, e "non permitiron dar cumprimento nin aos servizos mínimos", afirmou o seu portavoz, Carlos García Cumplido. Nesta ligazón poden consultarse os servizos mínimos decretados para hoxe.

Este paro afecta o transporte interurbano, metropolitano, servizos escolares e proximidades, así como o urbano de Santiago de Compostela e Lugo, onde se rexen polos convenios provinciais. Aliás, na cidade de Vigo, na que esta sexta feira comeza a fin de semana 'grande' da Reconquista, coincide coa folga que mantén o persoal da concesionaria do bus urbano, Vitrasa.

Contra a "precariedade"

Os traballadores e traballadoras, concentradas na mañá desta sexta feira nas terminais de varias cidades con pancartas con lemas como 'Por un convenio xusto' e en contra da "precariedade", reclaman, entre outras cuestións, negociar os catro convenios —"paralizados" desde un tempo atrás— e as táboas salariais, que, salientan, levan sen actualizar dous anos no caso dos convenios da Coruña e Pontevedra e cinco nos de Lugo e Ourense.

Diante deste escenario, os sindicatos subliñan que agora, pasada a Semana Santa, a patronal deberá "sentar de verdade". "Estabamos a negociar o IPC para A Coruña e Lugo e a oferta era de 0,8%. Isto é imposíbel. E en Lugo e Ourense nin sequera había negociación", criticou o portavoz do sector en UXT Galiza, Miguel Campos, na concentración convocada na estación de Santiago.

O responsábel da CIG para o transporte por estrada na comarca de Vigo, Carlos Lamosa, precisou que a xornada de folga é resultado da actitude dunha patronal "inmobilista", que mantén os salarios base por baixo dos 1.000 euros e que, para actualizar as nóminas, ofrece "un irrisorio +0,8%". "Rin dos traballadores", concluíu. Por parte da CIG, na concentración de Santiago, Nacho Pavón incidiu en que os servizos mínimos "impostos" pola Xunta eran "abusivos" e explica que algúns deles non saíron. De feito, non funcionaron nalgúns colexios nin tampouco noutros casos como o do transporte de persoal funcionario da Xunta a Santiago.

Cara a un paro indefinido?

Mentres, Raúl Rodríguez, de CCOO Galiza, non descarta que, chegado o momento, o sector reedite un escenario como o vivido durante o ano 2017, cando o paro foi indefinido e o conflito, prolongado durante varias semanas. "A administración responsábel aquí é a Xunta, que ten que mover ficha", advirte Campos, logo de trasladar as desculpas polos "danos causados" aos usuarios e usuarias, que nesta xornada de comezo da Semana Santa toparon coa folga á primeira hora da mañá.

Na mesma liña, Benigno Caride, representante de CCOO no sector na comarca de Vigo, advertiu que se non hai movementos por parte das empresas ou da Xunta, "terminará habendo folga indefinida", e subliñou que "hai motivos máis que suficientes" para a protesta, debido aos salarios "no limiar da pobreza", con xornadas "de 12 e 13 horas". O problema, dixo, ten a súa orixe en ofertas "temerarias" das grandes empresas para lograr adxudicacións de liñas por parte da administración: "Daquela as contas non saen e pretenden repercutir nos soldos dos traballadores o que fixeron mal".

Xornada "sen incidencias"

As tres organizacións convocantes apuntan a unha xornada "sen incidencias" e a un "éxito rotundo", malia que Ourense rexistrou algunha incidencia como as rodas picadas de autobuses en Trives e petardos lanzados na capital da comarca. A sensación nas estacións de autobús galegas entre os viaxeiros era de desconcerto, xa que moitas e moitos deles descoñecían a convocatoria de folga, especialmente aqueles usuarios procedentes de fóra do país.

Se ben houbo menos movemento nas terminais, nalgúns puntos, como a estación intermodal de Vigo, houbo momentos de longas colas ante os mostradores de información das compañías. Na cidade olívica foron varios os viaxeiros que se concentraron á espera de poder tomar un autobús con destino ao Porto, como o caso de Gustavo, un viaxeiro que debía chegar ao mediodía ao aeroporto Sá Carneiro para tomar un voo a Maastricht (Países Baixos). "Creo que vou chegar xusto, coa sorte de que non teño que facturar, se non, sería imposíbel", apuntou.

Do mesmo modo, Emely, estudante de Erasmus que reside agora en Vigo, viuse sorprendida pola folga, e os seus plans de pasar o día no Porto quedaron afectados, como os de Raúl, que, xunto á súa muller e o seu fillo, quedou sen bus a Ponteareas, e estaba a valorar a opción do taxi. "É que non tiña nin idea da folga, pero un taxi custará máis do dobre", lamentou.

Todo isto nunha xornada na que o transporte por ferrocarril, que se presentaba como a principal alternativa para as persoas que se desprazan a diario en autobús, suscitou as queixas de centos de persoas polos atrasos que se produciron nos trens de primeira hora e a supresión do Media Distancia 9082 que debía saír ás 8 horas de Vigo-Urzaiz, cancelado por "falta de maquinista", trasladaron desde Renfe a Nós Diario.

Comentarios