Convocada folga no transporte de viaxeiros por estrada o día 31

Sindicatos urxen desbloquear a negociación colectiva e demandan melloras salariais e laborais para o persoal, alén de alertar do "risco" polo "lamentábel estado" da frota de autobuses.
Manifestación do persoal do sector o pasado 23 de febreiro, na Coruña. (Foto: CIG)
photo_camera Manifestación do persoal do sector o pasado 23 de febreiro, na Coruña. (Foto: Europa Press)

As asembleas de traballadores do sector do transporte de viaxeiros por estrada realizadas en todo o país aprobaron, "por unanimidade", ir á folga o próximo 31 de marzo en demanda do "desbloqueo da negociación colectiva" e de melloras salariais e laborais. Así o anunciaron os sindicatos CCOO, CIG e UXT a través dun comunicado.

Os catro convenios provinciais, explican, están "paralizados". A pesar de que as mesas da Coruña, Ourense e Pontevedra manteñen as reunións, "non se producen avances", mentres a de Lugo, pola contra "nin sequera se reúne".

O día da folga, alén de piquetes informativos, levarán a cabo concentracións nas estacións de autobuses das sete cidades galegas, ás 11 horas, excepto en Pontevedra, onde a mobilización será ás 18h. Estas protestas son a continuación das manifestacións realizadas polo persoal do sector na Coruña e en Santiago de Compostela. As tres centrais sindicais advirten de que se non se producen avances nas negociacións, após a Semana Santa, as mobilizacións "intensificaranse".

Denuncian estes sindicatos que a paralización dos convenios e a falta de actualización das condicións laborais, salariais e sociais do persoal, así como os reiterados incumprimentos dos convenios colectivos por parte da patronal, levaron o sector a unha situación "altamente precarizada".

A seguridade, "en risco"

Á marxe das "nefastas" condicións do persoal, os empregados critican o "lamentábel" estado da frota de autobuses, con vehículos "moi vellos" con avarías "constantes" que poñen "en risco a seguridade no transporte", sinalan.

Os sindicatos culpan a Xunta, tanto a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade como a de Educación, por "permanecer cegas e xordas" ante os problemas do sector e "non responder ás múltiples denuncias realizadas".

Comentarios