Seguimento de "máis de 90%" na folga das conservas

Exixen un novo convenio á patronal que poña fin aos agravios salariais e a fenda de xénero entre grupos profesionais.
Manifestación do sector das conservas no Grove decorrida o pasado ano (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación do sector das conservas no Grove decorrida o pasado ano (Foto: Nós Diario).

Máis de 90% das e dos traballadores do sector de conservas de peixe secundaron esta sexta feira a primeira xornada de folga convocada para exixir un convenio digno, nomeadamente na Galiza e Cantabria, que concentran a meirande parte das empresas do sector, segundo informaron os sindicatos convocantes. Euskadi conta cun convenio propio, polo que o seu persoal non está chamado a secundar o paro.

En concreto, empresas emblemáticas como Consorcio, O Capricho, Don Bocarte, Hoya, Emilia, Laredana, Leonardo, Codesa, Rezumar, Conserveira do Cantábrico, Caladoiro (Grupo  Profand), A  Balinesa, Jealsa,  Friscos, Cefrico,  Bolton  Food,  Escuris,  Albo, Valcárcel e Lago  Paganini foron incapaces de arrincar a súa actividade na mañá desta sexta feira, ao secundaren cadanseus cadros de persoal a folga que convocaran CCOO, UXT-FICA e CIG.

Os sindicatos sinalaron que a protesta continuará o 3 e o 4 de febreiro se a patronal "non recapacita", xa que entenden que é momento de acordar un convenio colectivo que permita ás e os traballadores abandonar o "furgón de cola" da industria alimentaria. Así, lembraron que neste sector cóbrase 28% menos que na industria cárnica, onde a maioría dos empregados son homes. Na industria do peixe 60% dos cadros de persoal están formados por mulleres.

Desde CCOO destacaron que con este seguimento da folga, as e os traballadores das conservas de peixe entenderon "á perfección" os motivos polos que "cumpría dicir basta". "É o momento de arrincar á patronal un convenio co que se poidan 'pescar' dereitos e que non pague máis á ordenanza que á mestra de produción", recalcaron.

Desta forma, o sindicato lembrou que trata de alcanzar un acordo desde hai meses, que equipare os grupos profesionais 5 e 6, recolla un forte incremento salarial con cláusula de revisión, acabe coa discriminación e ofreza máis estabilidade no emprego e novos permisos para mellorar a conciliación.

Pola súa parte, UXT-FICA destacou a "resposta rotunda" dos traballadores do sector en defensa dun convenio digno que asegure o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e a igualdade retributiva entre mulleres e homes debe facer reflexionar á patronal e tomar nota do amplo respaldo do persoal para chegar a un acordo que beneficie ambas as partes. O sindicato considera que a patronal ten agora nas súas mans a posibilidade de desbloquear a negociación do convenio, convocando unha nova reunión da mesa de negociación en lugar de suspender a que estaba prevista para a vindeira quinta feira, 27 de xaneiro.

UXT-FICA cre que é "hora de avanzar" na consecución dun novo convenio colectivo como fórmula para normalizar as relacións laborais no sector e dar paso a un texto que dignifique as condicións laborais das e os traballadores de conservas de peixe.

Comentarios