Traballadoras da conserva inician unha folga para reclamar un novo convenio

As traballadoras e os traballadores do sector exixen rematar cos agravios salariais e a fenda de xénero entre grupos profesionais.
Os sindicatos exixen elevar a remuneración na liña de produción, na que as mulleres ostentan a maioría dos contratos (Foto: Grupo Calvo).
photo_camera Os sindicatos exixen elevar a remuneración na liña de produción, na que as mulleres ostentan a maioría dos contratos (Foto: Grupo Calvo).

Esta sexta feira, 21 de xaneiro, será a primeira xornada de folga no sector da conserva de peixe.  Convocadas polos sindicatos CIG, UXT e CCOO, máis de 30.000 traballadoras e traballadores das 700 firmas do sector, a maioría delas asentadas na Galiza, están chamadas a secundar unha xornada de paros para exixir á patronal Anfaco-Cecopesca ─co presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, á cabeza─ un convenio estatal "digno". 

A decisión de ir á folga, que xa estaba sobre a mesa, tomouse após fracasar a negociación a pasada semana no Servicio Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) ao negarse a patronal a aceptar as reivindicacións realizadas polos sindicatos na xuntanza.

Segundo denuncian desde as organizacións sindicais, as negociacións están "rotas" pola actitude inmobilista da patronal. Así o recoñece a Nós Diario Mar Vila, da CIG do Salnés, quen tamén denuncia "coaccións" por parte das empresas aos traballadores e traballadoras para tratar de impedir que secunden as xornadas de folga, tanto a desta sexta feira como as programadas para os días 3 e 4 de febreiro.

"Negando a maior"

Na mesma liña, desde CCOO lamentaban, após o fracaso da mediación, que Anfaco-Cecopesca seguise "negando a maior" ao dicir que se cobran salarios xustos, que non existe fenda nin discriminación salarial contra as mulleres, que non se necesitan máis medidas ou permisos para conciliar ou que non hai un abuso ou fraude da temporalidade.

O sindicato afirma que "é todo o contrario", pois as condicións salariais da industria do peixe son de media 25% inferiores ás da industria alimentaria, que o convenio estatal de conservas de peixe é o máis baixo, xunto ao de elaborados do mar, ou que a fenda salarial é de 30% debido a que os postos de produción que realizan maioritariamente as mulleres están infravalorados, "simple e cruamente porque o realizan elas e non eles", aseveran desde Comisións Obreiras.

As achegas da empresa na última das reunións, realizada o pasado 27 de decembro, "non recollen as principais reivindicacións dos traballadores do sector", apuntan os sindicatos.

Propostas insuficientes

A patronal propón un incremento salarial de 2,30% en 2021, de 3% en 2022, de 2% en 2023 e  0,50% en 2024, subas que a representación dos traballadores e traballadoras considera "insuficiente", xa que non garanten o poder adquisitivo. No canto diso propoñen ligalas ao Índice de Prezo do Consumo (IPC)

No que respecta á equiparación salarial dos grupos 5 e 6 (produción, con presenza maioritaria de mulleres, e oficios varios, onde priman os homes) pasou de non contemplar subas adicionais para a categoría de auxiliar a unha nova proposta de incremento adicional de 0,2%, "o que non remata coa fenda salarial", advirten os sindicatos.

Porén, a patronal "desiste" de ampliar a xornada e acepta as propostas sindicais de que a non utilización dos equipamentos EPI non sexa considerada falta moi grave e de que se poidan empregar as horas médicas para acompañamento, aínda que o persoal pide amplialas por riba das 16 actuais.

Comentarios