O sector marisqueiro traballa para recuperar cría arrastrada

Toneladas de bivalvo cubriron os areais após a apertura do encoro do Tambre.
Marisco arrastrado na praia de Testal, esta terza en Noia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Marisco arrastrado na praia de Testal, esta terza en Noia. (Foto: Europa Press)

Mariscadoras e mariscadores das rías de Muros e Noia e de Arousa traballaron arreo esta terza feira para intentar recuperar cría de marisco despois do "desastre" de toneladas de bivalvos arrastradas ás praias após a apertura do encoro do río Tambre logo do paso da borrasca Domingos.

O presidente da agrupación de mariscadores de a pé en Noia, Quico Pérez, explicou onte que están "intentando recuperar un pouco" das toneladas de crías de ameixa e berberecho, que non é de tamaño comercial. 

"O que sobreviva vai ser moi pouco", avisou Pérez, que sinalou ademais a zona de Testal, en Noia, como a zona máis afectada, poi "tanta cantidade" de marisco arrastrado "como esta nunca se viu". 

Mala campaña marisqueira

Estas toneladas de berberecho e ameixa chegan despois dunha mala campaña marisqueira. "Xa o ano pasado foi mala e tivemos que fechar polas riadas de auga doce. Sabiamos que esta campaña ía ser moi mala, non medrou nada no verán, pero había unha esperanza de que había moitísima cría", explicou Pérez.

"A pequena boa noticia que tiñamos era que había moita cría. Pois estes días estamos a ver que está a morrer toda", apuntou este mariscador. Segundo recolleu Nós Diario esta terza feira, datos achegados pola bióloga, do pósito noiés 65% da cría de berberecho recollida en Noia estaban aínda vivas.

Agora ficará facer mostraxes nos próximos días para saber como afectou a cantidade de auga doce que trouxeron os temporais das últimas semanas á cría. "Levamos 25 días con borrascas unha detrás doutra, e aínda mañá [por hoxe] vén outra", lamentou o presidente dos mariscadores de a pé de Noia.

Trátase dun problema, o do desaugue dos encoros, que se suma ao da contaminación das rías para resultar na fonda crise que padece o sector marisqueiro da Galiza.

Comentarios