O sector da banca reclama melloras salariais e laborais

Seguimento "masivo" da folga decorrida esta sexta feira.
Protesta de persoal da banca, esta sexta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de persoal da banca, esta sexta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O sector da banca mobilizouse esta sexta feira na Galiza nunha nova xornada de folga e protestas para reclamar "melloras salariais" e laborais, unha protesta que tivo un "seguimento masivo" no país, segundo apuntan os sindicatos convocantes.

Ademais da folga, persoal de banca e representantes sindicais protagonizaron ao longo da mañá manifestacións nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, onde ducias de persoas instaron á "recuperación do poder adquisitivo" e clamaron contra "un clima laboral tóxico", como reflectían as súas pancartas.

Así, ademais de melloras a nivel económico, apunta CCOO, o persoal do sector reclama "reducir a carga laboral e a presión comercial", así como "dotar os centros de traballo de persoal adecuado para dar un servizo de calidade".

Os sindicatos CCOO, UXT e FINE cifraron no 75,8% o seguimento desta segunda xornada de folga, que se produce tras o paro conxunto do pasado 25 de febreiro en todo o ámbito financeiro, grazas ao cal se logrou un acordo no sector.

Con todo, a patronal da banca "mantense na mesma postura inmobilista",  segundo denuncian desde CCOO. 

Comentarios