O sector bancario parou contra "desprazamentos laborais de 50 km" e venda de produtos "complexos"

Coincidindo coa negociación do convenio no sector da banca, a Galiza viviu onte unha xornada de paro de 24 horas convocada pola CIG coa intención de "presionar" a patronal. Entre as súas demandas figuran recuperar o poder adquisitivo do persoal e diminuír a "excesiva" carga de traballo. 
Algo máis de 500 persoas asistiron onte á manifestación que percorreu as rúas do centro da cidade da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Algo máis de 500 persoas asistiron onte á manifestación que percorreu as rúas do centro da cidade da Coruña (Foto: Nós Diario).

O sector da banca viviu esta quinta feira unha xornada de paro de 24 horas -convocado polas centrais sindicais CIG, ELA, Sindicat d'Estalvi de Catalunya e La Intersindical- na Galiza, Euskadi e Catalunya. A mobilización coincidiu coa cuarta reunión para negociar o convenio coa Asociación Española da Banca (AEB) na que figuran entidades como o Banco Santander, o BBVA, o Banco Sabadell, Bankinter ou o Deutsche Bank. Na Galiza, ademais, a folga foi apoiada cunha manifestación na Coruña que transcorreu polo centro da cidade e na que participaron, segundo a organización, algo máis de 500 persoas.

Das 7.200 persoas que traballan no sector na Galiza, secundaron o paro no país un 60%, chegando a ser dun 70% nalgunhas entidades, como adianta a Nós Diario a responsábel do sector na CIG e traballadora do Banco Santander, Rosa Conde. “Tivo un seguimento desigual segundo as comarcas, houbo máis participación en cidades como A Coruña, Pontevedra e Lugo”, asegura, "non conseguimos a convocatoria en todo o Estado español mais pensamos que agora era o momento de dar pasos por non contar con avances na negociación", engade. 

Poder adquisitivo

Entre os principais obxectivos do paro está a recuperación e mantemento do poder adquisitivo do persoal. Explica que "mentres aumenta a retribución dos accionistas e dos consellos de dirección dos bancos", a proposta de suba salarial da patronal para os próximos catro anos só suma un 8%. “Propoñen un 2,75% para 2024; un 2,25% para 2025; e un 1,50% para 2026 e 2027”, sinala Conde, “e ademais sen recoñecer a perda de poder adquisitivo dos últimos dez anos con respecto ao Índice de Prezos ao Consumo acrecentada nos últimos tres anos”, engade. 

Esta perda de poder adquisitivo que a AEB non contempla sería, para a CIG e o resto de centrais convocantes, “dun 15%" tras contabilizar os anos que coincidiron "cos maiores depedimentos colectivos da súa historia, en 2020 e 2021, con miles de oficinas fechadas". Así, no anterior convenio, que comprendeu entre 2019 e 2023, asinaron unha suba dun 2,5% para os cinco anos, apelando a unha situación "delicada" do sector. Coa pandemia, ademais, a CIG lembra "o sacrificio presencial de todo o persoal que se mantivo no seu posto de traballo por ser considerado esencial". 

Maior carga de traballo

O gran número de despedimentos, cunha especial incidencia no colectivo menores de 50 anos, xunto ao fechamento de oficinas nun proceso que a CIG cualifica de “adelgazamento e concentración”, aumentou "de maneira exponencial a carga de traballo,   afectando á calidade de servizo que se lle deu con estes cambios  á clientela”. Conde pon como exemplo algunhas zonas da Galiza onde antes había “dez oficinas con oito persoas cada unha e agora quedou unha soa oficina con dez persoas". Diante desta situación, a CIG denuncia que as entidades bancarias que forman parte da AEB, para atender estas necesidades de menos persoal, en lugar de contratar máis "optaron por aumentar a carga de traballo ao que quedou".

Mobilidade forzosa en oficinas até os 50 km

Outra consecuencia do fechamento de oficinas en moitas comarcas da Galiza no proceso de "adelgazamento" foi o traslado forzoso do seu persoal para outros destinos nos que seguían abertas sucursais. Até agora a mobilidade estaba situada nun límite de 20 km, unha distancia que as entidades bancarias queren incrementar até 50 km. "Aseguran que necesitan dunha maior flexibilidade no convenio para cubrir as necesidades de persoal nas oficinas", confirma Rosa Conde a Nós Diario, "aínda que sexa prexudicando máis a situación de moito do seu persoal que se ten que desprzaar até o seu posto de traballo cada día". Para esta sindicalista, o aumento das distancias supón unha discriminación máis por non atender, no caso galego “ás dificultades que ten o país a nivel de servizo de transporte público que chegue a un territorio disperso como é o noso”. 

Presión para colocar produtos comerciais

Por último, a CIG denuncia a presión comercial que as entidades bancarias aplican ao seu persoal para que vendan diversos produtos á clientela. “Impoñen uns obxectivos, vinculados á avaliación do persoal,  que son imposíbeis de alcanzar nunha mesma xornada laboral”, salienta Rosa Conde, “incrementando considerabelmente a carga de traballo nun tema tan delicado como é este”, agrega. Dentro deste apartado, a central nacionalista expón que os bancos presionan os cadros de persoal das súas oficinas "para que vendan de forma encuberta produtos indiscriminadamente a todo tipo de clientes".

Neste sentido, lembra que algúns son complexos e mesmo poderían "atentar contra a propia normativa da Directiva Europea sobre os Mercados de Instrumentos Financeiros (MIDIF), un organismo que ten como función principal a de protexer a clientela nestes casos".

Seguen as negociación de Abanca dentro da CECA

Fóra da reivindicación sindical desta quinta feira  atópase Abanca. Esta entidade negocia o seu convenio dentro do Colectivo de Caixas e Entidades Financeiras de Aforro (CECA), que agrupa os bancos nacidos das antigas caixas. Despois da mobilización do persoal de Abanca en xaneiro, a empresa subiu o salario 8% para o ano 2024, con independencia do que aconteza nas negociacións do convenio que se están realizando. Esta suba non pode ser absorbida por complementos, polo que será efectiva para o conxunto de traballadoras e traballadores. 

A convocatoria da mobilización que conseguiu estes avances, da que formaba parte tamén a CIG, levouse a cabo de maneira unitaria. “Agora mesmo estamos nunha mesa de negociación á parte da do propio convenio e, dependendo de como se desenvolva, non se desbotan novas mobilizacións”, sinala Rosa Conde. Alén da reivindicación salarial, as centrais que participan na negociación demandan que cese a destrución de emprego estábel mentres medra a temporalidade, nomeadamente a través da utilización de contratos en prácticas para a cobertura de postos estruturais, ou contratos a tempo parcial en moitas das súas oficinas.

Comentarios