A dirección da factoría do Grupo PSA en Vigo trasladou ás organizacións sindicais a súa intención de aplicar un expediente de regulación temporal de emprego ( ERTE) ordinario por razóns de produción e organizativas, cunha duración de 90 días a partir do retorno á actividade da fábrica e deixe de estar en vigor o estado de alarma.
Nunha reunión con representantes sindicais que tivo lugar esta terza feira a empresa indicou que esta medida afectaría ás empregadas e empregados con xornada a tempo completo, entre 4.000 e 4.500, e comezaría a aplicarse coincidindo co reinicio da actividade e o remate do ERTE aplicado por causa de forza maior. Algunhas fontes sinalan que podería ser o día 20 de abril.
O ERTE que propón PSA Citröen tería dúas fases. Nunha primeira aplicaríase 11 semanas de ERTE, que a empresa considera "necesarios para a recuperación progresiva da actividade". Nese período incorporaríanse as diferentes quendas de forma gradual para rematar, no mes de xullo, coa volta da quenda de noite.
A segunda fase do ERTE sería de 35 días desde xullo até final de ano. Neste caso sería para "afrontar a caída da produción derivada dos mercados" e unha previsíbel baixada na demanda. Desde PSA Citröen falan "dunha caída de entre 15% e 50%, e nós facemos esta previsión para unha caída estimada de 30%".
Cautela nos sindicatos
Os sindicatos acolleron esta formulación con cautela, e empezaron a "analizar" os argumentos da empresa, aínda que avanzaron que a súa intención é que a regulación "poida incluír a máis traballadores".
Desde a sección sindical de CCOO cren que aínda que sería a primeira vez que se aplica un ERTE ordinario na factoría viguesa, “entendemos que as circunstancias excepcionais que vivimos xustifícano sobradamente". Apuntan que se deben buscar mecanismos para "priorizar a volta á actividade" das traballadoras e traballadores eventuais, que "non están protexidas" por este ERTE e tamén para aquelas "que non renoven o seu contrato" e garantir "un retorno o máis rápido posíbel á fábrica".
Pola súa banda, desde UXT cren en que "é necesaria unha protección" para as empregadas eventuais e que "sexan os primeiras en reiniciar a actividade", e reclamaron tamén que se incorpore ás traballadoras a tempo parcial no ERTE.
Outra das reclamacións deste sindicato é "unha maior compensación económica que a actual", xa que con esta medida que propón a empresa as traballadoras e traballadores cobran 80% do salario.
O sindicato independente SIT coincide con UXT e solicita, ademais, medidas de protección para as traballadoras a tempo parcial e rexeitan que a remuneración económica do persoal "fose inferior" á que teñen co ERTE derivado da crise do coronavirus.
Desde o sindicato CUT, mentres, cuestionaron a necesidade de aplicar un ERTE até final de ano. Rexeitan que afecte só ao persoal fixo a tempo completo, e apuntaron que outras factorías fano só até o mes de xullo.
Da mesma maneira, coincidiron en reclamar que a regulación se estenda a todo o persoal, á vez que expresaron a súa sospeita de que a proposta da empresa é unha "estratexia para reducir custos laborais" a medio prazo.