mércores 15.07.2020

Os sindicatos reclaman o "peche inmediato" de PSA en Vigo, que anuncia que detén a produción esta terza feira

Consideran que non se cumpren as "garantías mínimas" de seguridade exixidas polo Goberno do Estado perante o avance do coronavirus.
PSA Peugeot Citroën en Vigo.
PSA Peugeot Citroën en Vigo.

Os sindicatos reclamaron esta segunda feira o peche "inmediato" da planta coa que conta o Grupo PSA Peugeot Citroën en Vigo, previsto para esta cuarta feira, ao considerar que non se cumpren as "garantías mínimas" de seguridade exixidas polo Goberno perante o avance do coronavirus.

Así o manifestaron a Unión Xeral de Traballadores (UXT), Comisións Obreiras (CC.OO.), a Confederación Intersindical  Galega (CIG) e a Central Unitaria de Traballadoras ( CUT) após coñecer a decisión da empresa nunha reunión celebrada na tarde desta segunda feira. Ademais, criticaron que se lles comunicase a data da paralización da produción cando "xa era un secreto a voces na prensa".

Finalmente, PSA confirmou a última hora que van deter a actividade da planta após a finalización do turno de mañá desta terza feira, mais as súas instalacións pecharán desde a cuarta feira até, previsibelmente, o vindeiro 27 de marzo "para prever o incremento de contaxios por coronavirus". 

Fontes da dirección da fábrica en Vigo informaron de que, despois da reunión co comité de empresa, acordouse que o cese da actividade se realice "de maneira escalonada". Así, após a parada da liña de producción principal ás 14 horas, durante esta terza e cuarta feira "levaranse a cabo as labores necesarias para a expedición dos vehículos fabricados". 

Desta forma, ao finalizar a reunión do comité de empresa coa dirección, os sindicatos consideraron que as medidas aplicadas pola empresa até o momento son "insuficientes" para evitar a propagación do virus, polo que reclamaron unha "paralización inmediata" da produción ata que se acorde un protocolo cos sindicatos.

Esta posición conlevou que se producise un segundo encontro coa dirección da fábrica que, segundo confirmaron fontes de CC.OO. a Europa Press, mantivo o seu rexeitamento á detención inmediata da actividade.

Con esta situación, as centrais sindicais instaron a Inspección de Traballo a garantir o cumprimento das medidas estabelecidas polo Executivo estatal e, polo tanto, a priorizar "a saúde fronte á produción".

En concreto, o grupo automobilístico PSA decidiu pechar as súas plantas de produción instaladas en Europa como consecuencia do aumento dos casos de coronavirus rexistrados. O peche farase até o próximo 27 de marzo e de forma progresiva. Así, os equipos de xestión das plantas implementarán os respectivos procedementos de paralización, que levarán a cabo en coordinación cos axentes sociais.

Os sindicatos reclaman o "peche inmediato" de PSA en Vigo, que anuncia que detén a...
comentarios