Desde esta segunda feira a planta de Ford fecha a produción na súa planta de Almussafes (7.000 traballadores e traballadoras) como medida para evitar a expansión do coronavirus. Unha decisión quer adoptaron tamén industrias relacionadas co automóbil, como Michelín, que para a actividade nas sete factorías do Estado. Merdedes Benz decidiu esta segunda feira fechar a planta de Gasteizapós o 'plante' de traballadores e traballadoras.
Quen non vai por este camiño é Citroën, cuxa planta de Vigo mantén a produción embora as reiteradas peticións sindicais en sentido contrario, instándolle a poñer a saúde do persoal por riba de intereses produtivos.
Este domingo volveu haber unha xuntanza entre dirección e sindicatos mais a ponte de mando da empresa mantense na súa decisión. Desde a Xunta, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, afirmou que o “prioritario” para o Goberno galego é que se manteña a actividade industrial.
CIG, CUT, CCOO e UXT asinan un comunicado conxunto no que afirman que “non se cumpre as garantías preventivas mínimas exixidas polo Goberno” para que se manteña a actividade na planta de Vigo. As propostas de prevención presentadas pola empresa son, para as centrais, “insuficientes”.
Por iso, estes catro sindicatos reiteran que se paralice a produción até que se “consensúe” un protocolo partillado entre dirección e traballadores e traballadoras.
Aliás, instan Inspección de Traballo a tomar cartas neste tema.
Cazolada
Na noite deste domingo, veciñas e veciños da cidade protagonizaron unha cazolada para apoiar o persoal da planta viguesa e a súa demanda de que se paralice a produción en Citroën.