A CIG revalida como primeira forza sindical con 5.131 delegadas e delegados na Galiza

Nos últimos catro anos a CIG mellorou a súa representatividade nos centros de traballo un 1,59%, obtendo 5.131 delegadas e delegados na Galiza nos últimos catro anos, segundo os datos que a central presentou onte. A segunda forza sería a UXT, con 4.248, e a terceira CCOO, con 4.142. Neste contexto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, demanda poder participar en igualdade de condicións que as outras organizacións a nivel estatal.
Paulo Carril e Susana Méndez, na rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paulo Carril e Susana Méndez, na rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

Esta quinta feira, en rolda de prensa, a CIG presentou na súa sede de Santiago de Compostela os datos provisionais de representación sindical ao remate do período na Galiza, con inicio o 1 de xaneiro de 2020 e finalización o 31 de decembro de 2023. As cifras, determinadas legalmente polo resultados do número de delegadas e delegados  as persoas traballadoras nas empresas, indican que a central sindical nacionalista obtivo un total de 5.131 delegadas e delegados, 31,05% da representación total, mellorando en 589, 1,59%, que hai catro anos. 

A segunda forza no país segue a ser a UXT, cun total de 4.248 delegados e delegadas, e 25,71% do total, perdendo 0,17% de representatividade. A terceira forza na Galiza é CCOO, con 4.142 delegadas e delegados, ao contar con 25,07% en porcentaxe, caendo 0,53% con respecto ao período anterior. Ségueos por número de representantes os sindicatos CSIF, con 701 (-0,03%); USO, con 409 (-0,11%); CUT, con 146 (+0,13%); e outras entidades minoritarias, con 1.746 (-0,87%). Os datos facilitados proceden das actas que recibiron e os resultados oficiais sairán, previsibelmente, no mes de febreiro,  unha vez queden resoltos os laudos pendentes.

Representantes sindicais por federacións

O número de representantes sindicais medrou de 15.419 até 16.523. En canto ás federacións, a central sindical tamén se situou como primeira forza en Construción, Federación galega de alimentación, mar, transporte e téxtil (Fgamt), Industria, Saúde, Servizos e no Ensino público. Na construción conta con 379 delegadas e delegados, por diante de UXT (344) e CCOO (266). Na Fgamt a CIG ten 796, UXT 735 e CCOO 727. En Industria a CIG ten 1.199, por diante de CCOO (908) e UXT (831) e en Saúde a central nacionalista conta con 180, UXT con 113 e CCOO con 105. Tamén en Servizos a CIG foi primeira forza con 1.567, unha federación na que a UXT obtivo 1.259 e CCOO 1.097. 

No total do Ensino, CCOO ten 253 delegadas e delegados, a CIG conta con 236 e UXT con 209. Se ollamos cara ao Ensino público, a primeira forza é a CIG, con 67, seguida de CCOO, con 34, e ANPE, con 18. UXT foi o sindicato con máis representación na Banca, con 406 delegadas e delegados, seguido da CIG, con 403, e CCOO, con 365. Por último, na Administración a primiera forza é CCOO, con 421, seguida da CIG, con 403, e UXT, con 351.

“Revalidamos a condición de primeira forza”

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, valorou en rolda de prensa de maneira moi positiva os resultados por “aumentar de forma considerábel o resultado respecto ao proceso anterior e sobre os outros sindicatos”. O responsábel da central sindical fixo especial fincapé en que con estes resultados “revalidamos e reforzamos a condición de primeira forza sindical e a condición legal de máis representativa de acordo á Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS) que o sindicalismo nacionalista ten desde o ano 1982”. 

A este respecto explicou que esta condición legal de representatividade “desprega efectos tamén no Estado español e por tal condición participamos como membros de pleno dereito na delegación española da Organización Internacional do Traballo (OIT) e dos organismos tripartitos creados no seo da Administración Xeral do Estado e dos seus organismo autónomos”. 

Lembrou que “somos unha organización sindical que temos, por imperativo legal -mesmo constitucional- dereito á participación institucional en igualdade de condicións ao resto das organizacións sindicais máis representativas, que no caso do Estado español son só a CIG, o sindicato vasco ELA, CCOO e UXT”. Por este motivo denunciou que “este Goberno español, e de forma especial os Ministerios de Traballo e de Seguridade Social destacan por ser constantes e permanentes na falta de respecto á nosa representación e aos nosos dereitos de participación institucional. Estes días temos exemplos abondo”, concluíu o líder sindical. 

Resultados en comarcas

A CIG tamén fixo unha valoración, a cargo da súa secretaria de Organización, Susana Méndez, da representación polas comarcas que teñen na Galiza a nivel organizativo. A central nacionalista salienta que é primeira forza nas da Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra e Vigo, quedando na de Lugo a dous delegados de ser a segunda, pasando a ser a segunda en Ourense. Alén de ser primeira forza en todas as comarcas en que se estrutura o sindicato, agás Lugo e Ourense, Susana Méndez, sinalou que tamén o é, en boa parte, das Unións Locais, aquelas que se organizan en torno ás vilas. É o caso das Unións Locais de Carballo (Bergantiños) e Cee (Fisterra), nesta última superando 43%, ou a Unión Local das Pontes (Eume), con 47,83%, a Unión Local da Mariña, a Unión Local de Verín, tamén con máis de 45% de representatividade para a CIG, as Unións Locais da Estrada (Terra de Montes)e O Salnés, ou nas tres Unións Locais da área de influencia de Vigo: O Baixo Miño, O Morrazo, e O Porriño. No Baixo Miño, ademais, con 61.62% de representatividade. Diante destes datos, Méndez salientou que a CIG é, pois, “depositaria da confianza da maioría dos traballadores e traballadoras galegas, que a ven como unha ferramenta útil de defensa dos intereses da clase traballadora e da nación galega”.

Nós Diario púxose en contacto esta quinta feira coas formacións sindicais  UXT e CCOO na Galiza para valorar estes datos. No caso do primeiro, sinalan que agardan poder contar cos datos oficiais para pasar a avaliar a representatividade sindical na Galiza durante os catro últimos anos.

Comentarios