Profesionais da dobraxe denuncian "unha situación insostíbel e moi precaria"

O persoal da dobraxe reivindicou "que se aplique o convenio colectivo de dobraxe", "ignorado e vulnerado", e que, ademais, leva sen actualizarse desde 2006.
Manifestación do persoal da dobraxe, este domingo en Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Manifestación do persoal da dobraxe, este domingo en Compostela (Foto: Europa Press).

Profesionais do sector da dobraxe na Galiza manifestáronse este domingo na capital galega para reivindicar "que se aplique o convenio colectivo de dobraxe", "ignorado e vulnerado", e que, ademais, leva sen actualizarse desde 2006.

Segundo a presidenta da Asociación de Artistas de Dobraxe Asociados (ADA), Desiré Pillado, levan "sen que se aplique o convenio 18 anos", algo que ademais "foi denunciado ao día seguinte polos empresarios para que non se puidesen facer as subas do IPC [Índice de prezos de consumo] correspondentes de cada ano".

"Insisten en que se cumpren coa lei terían que fechar as súas empresas", explicou Pillado, antes de arrincar a marcha, con relación aos dous meses de negociación entre persoal e patronal, cuxo diálogo "se rompeu".

Así mesmo, a asociación asegura que traballa "moi por baixo das táboas salariais dese convenio que se asinou no 2006". Segundo os seus cálculos, as dobraxes en galego cóbranse 28% por baixo do que deberían e, en castelán, 46% menos.

"Estamos nunha situación insostíbel e moi precaria", apuntou antes de denunciar que "coaccionan" os actores e actrices de dobraxe facéndoas "responsábeis da situación económica das súas empresas".

Percorrido da manifestación

Pouco antes das 12 horas, actores e actrices da Asociación concentráronse na Alameda e, apoiados pola CIG, CCOO e UXT, así como pola Asociación de Actores e Actrices da Galiza, cruzaron Porta Faxeira ao berro de 'A patronal non respecta e paga o que lle peta'.

Na parte artística do sector traballan entre 100 e 120 persoas, segundo detallou Pillado. Parte destes profesionais, así como técnicos de son, administración e máis traballadores que entran no convenio, concentráronse este domingo e corearon cánticos como 'Dobramos pelis, cobramos coma curtas' ou 'Acordo coa patronal ou versión orixinal'.

Sabela Arán, Monti Castiñeiras, Xavier Estévez, Nacho Castaño ou Alfonso Agra, son algúns dos nomes de actores e actrices que acudiron á manifestación con destino a Praterías, onde se procedeu á lectura do manifesto que reclama o apoio "da sociedade e da Administración Pública" e exixe cobrar en castelán tanto como en galego, "transparencia" nas contas das empresas, a actualización do convenio de 2006 e "respecto" cara ao sector.

Diferenzas entre galego e castelán

"A dobraxe en galego págana polo convenio porque é diñeiro público, non lles queda outra", en canto ao castelán, Pillado explicou que as empresas falan "dun trato", cando ela cualifícao de "coacción". "Empezamos a traballar á baixa para as distribuidoras e tivemos que tragar con isto durante 18 anos", sinalou.

A preguntas dos medios, a presidenta da ADA concretou que sufriron "ameazas veladas" por parte dos empresarios e que, no caso do castelán, "houbo moi pouca xente que se plantou e decidiu traballar polo convenio" por culpa do "medo".

"Nesta profesión é moi difícil demostrar que non nos están chamando a traballar por unha represalia. Nós traballamos por convocatoria de emprego, cada día é unha alta na seguridade social", explicou Desiré Pillado.

Comentarios