Profesionais da dobraxe denuncian o incumprimento do seu convenio e anuncian mobilizacións

A presidenta da Asociación de Artistas Asociados de Dobraxe (ADA), Desi de Pillado, indicou que contan co apoio dos sindicatos CIG, CCOO e UGT.
Rolda de prensa das profesionais da dobraxe, o 29 de febreiro, en Santiago.
photo_camera Rolda de prensa das profesionais da dobraxe, o 29 de febreiro, en Santiago.

As persoas profesionais da dobraxe na Galiza anunciaron mobilizacións a partir do 17 de marzo para reclamar o cumprimento do seu convenio colectivo. Así o avanzaron onte en rolda de prensa en Santiago, onde declararon que "non darán un paso atrás" até que se atendan as demandas do sector.

A presidenta da Asociación de Artistas Asociados de Dobraxe (ADA), Desi de Pillado, indicou que contan co apoio dos sindicatos CIG, CCOO e UGT, así como da xente do seu sector e dos compañeiros da Asociación de Actores e Actrices da Galiza.

O acordo de dobraxe, explicou a presidenta de ADA, ten ámbito autonómico e inclúe as dúas linguas oficiais da Galiza. No caso do galego, engadiu, cóbrano integramente -co salario de 2006, pero a patronal "decidiu facer máis competitivo" o traballo en castelán, polo que "deixaron de retribuír" o que "está estabelecido legalmente". "Para iso, determinaron non respectar o convenio e pagar, no mellor dos casos, un 25% menos do que deben", criticou, ao tempo que lamentou que sexa "un 25% menos" do estabelecido nun convenio "que non revisan" desde 2006 e que incumpren desde que se creou.

 

Reivindicacións do sector

Entre as súas reivindicacións, reclamaron cobrar o convenio colectivo da Galiza, xa que a dobraxe ao castelán debe pagarse como dita a lei, "pois os actores e actrices facemos o noso traballo coa máis absoluta profesionalidade e cariño, igual que cando traballamos en galego". Tamén reclamaron transparencia nos datos, que as empresas "deixen de manipular" as contas para que "pareza" que se lles paga por convenio cando "non é así".

Exixen unha actualización do convenio de 2006 que afecta a ambas linguas para que "permita vivir con dignidade". Ao tempo, reclamaron respecto "para esta digna profesión".

Neste contexto, anunciaron que realizarán varias mobilizacións a partir do día 17, nas que estarán acompañados por compañeiros da rama técnica e de produción, e en breve darán a coñecer en que consistirán.

 

Comentarios