A EXITOSA ACCIÓN REIVINDICATIVA D@S GANDEIR@S CONTINúA ESTA SEGUNDA FEIRA

48 horas sen leite: bloqueo á industria

[Actualizada 12:30] O bloqueo desta fin de semana sáldase cun éxito ao impediren a entrada ou saída de leite da práctica totalidade das factorías. Esta segunda feira bloquearán os principais centros de distribución.

[Foto: CampoGalego.com]
photo_camera [Foto: CampoGalego.com]

Os e as gandeiras lácteas lograron o obxectivo fixado para esta fin de semana. Desta maneira, conseguiron bloquear cos seus tractores a práctica totalidade da industria leiteira en Galiza, impedindo que entrase ou saíse leite das súas factorías. O bloqueo foi total nas plantas das provincias da Coruña e Pontevedra, segundo recolle o dixital Campo Galego. En Lugo, malia un inicio tímido, concentrado fundamentalmente no polígono do Ceao, ao longo da fin de semana aumentou o número de factorías que ficaron asediadas por tractores. E todo a pesar do clima de división coa que se disolvía formalmente a tractorada lucense.

O bloqueo foi total nas plantas das provincias da Coruña e Pontevedra e maioritario en Lugo

A xornada do domingo concluía cun bloqueo xeneralizado nas provincias da Coruña e Pontevedra. As plantas de Lasurgal (Melide), Celta (Pontedeume), Feiraco (Negreira), Lacteos Pérez (Mazaricos), Leyma (Arteixo), Ríos Sangiao (Oroso), Larsa (Vilagarcía de Arousa), Clesa (Caldas de Reis) e Nestlé (Pontecesures), non foron subministradas de leite grazas á acción pacífica de centos de tractores que se apostaron nos seus accesos.

larsa-afrigaNo caso de Lugo, aos bloqueos iniciados o sábado nas factorías de Leite Río (Ceao) e Larsa (Outeiro de  Rei), fóronse engadindo paseniñamente outros, que contaron co apoio da tractorada coruñesa e compostelana. Así lograron paralizar tamén as plantas de Celta (Meira), Celega (Chantada), Puleva (Lugo) ou Logística Alimentaria (Outeiro de Rei). As únicas que evitaron o asedio das productoras, durante a meirande parte da fin de semana, foron as plantas de Clesa (Rábade), Lactalis (Vilalba) e Río (Láncara). Camións de Lactalis e Río circularon polo país escoltados pola Garda Civil.

Paralizada a industria, o sector olla agora cara á distribución. Outro dos elos importantes na cadea leiteira, que tornan fundamental forzar a se implicar na solución da crise que padece o sector. Así, para esta segunda feira teñen previsto bloquear os centros de distribución de Gadis en Betanzos e de Vegalsa-Eroski en Oroso.

Ademais dos bloqueos as productoras realizaron repartos gratuítos de leite en diferentes puntos do país. Aliás, piquetes de gandeiras derramaron as súas cisternas de leite co obxecto de paralizar completamente a recollida.

Unidade na división

Os tractores atravesaron as divisorias provinciais para unificar na práctica o conflito

Paradoxalmente, a división agudizada polo levantamento da tractorada lucense e polo desmarque de organizacións como Asaja ou Agaca da Plataforma galega en defensa do sector lácteo, tivo unha expresión no sentido contrario na base do propio conflito. Así, as gandeiras lucenses que decidiron continuar a protesta bloqueando a industria recibiron o apoio de produtoras do resto do país. A falla de acordo dalgunhas organizacións e sectores coa Plataforma, non resentiu a loita senón que propiciou, por necesidade, unha interlocución máis fluída entre os e as gandeiras. Así, en medio do cruzamento de reproches entre as organizacións, os tractores atravesaron as divisorias provinciais para unificar na práctica o conflito.

A Plataforma galega en defensa do sector lácteo mantense firme na súa folla de ruta

A Plataforma, que continúa a representar unha moi ampla maioría do sector, mantense firme na súa folla de ruta. O seu voceiro Anxo Escariz asegurou que a fin do conflito só a poderán determinar Rajoy, Tejerina e Feijóo chegando a un acordo satisfactorio para o sector.  Escariz lembrou, aliás, as liñas vermellas coas que as produtoras avaliarán calquera proposta: “a retirada de todos os contratos que se se están ofrecendo á baixa neste momento por parte da industria aos gandeiros; fixar os índices de referencia para establecer o prezo sostible, tanto para o gandeiro como a industria e, o máis importante, un decreto de garantías, con sancións, que faga que o decreto non sexa unha mera declaración de intencións senón un acordo de obrigado cumprimento para todos os chanzos da cadea do leite”. 

Con todo, desde a Plataforma advirten do interese do Goberno galego en sementar a división.  A este respecto Escariz acusou –en declaracións recollidas por Campo Galego-- directamente á Consellaría do Medio Rural, Rosa Quintana, de “ xogar a dividir aos gandeiros para que sigamos como estamos, cos gobernos da Xunta e de Madrid apoiando a gran industria”. Críticas que fixo extensivas a Asaja-Galicia, a liña oficial das gandeiras de Lugo nucleada arredor de Roberto López e a directiva de Agaca, de quen afirmou que “están a defender os intereses da industria e da conselleira pero non os dos gandeiros”.

Impiden leite francé e portugués

Gandeiros impediron na mañá desta segunda feira que entrase leite procedente de Francia e Portugal na factoría láctea Euroserum-Ibérica, en Monforte de Lemos (Lugo). Segúndo informou Elías Somoza (Fruga), os gandeiros que están de garda nos bloqueos no polígono do Reboredo evitaron que "se colasen 3 camións de fóra", de leite francés e portugués. Somoza cualifica de "vergoñenta" esta actuación empresarial no marco dunha greve de entregas.

[Foto interior: Revista Afriga]
 

Comentarios