CRISE DO LEITE

Comeza o bloqueo da industria para impedir a entrada e saída de leite

Os tractores rodean as principais factorías lácteas do país para impediren que “entre nin saia unha pinga de leite”. Nunha segunda fase ocuparán tamén os centros de distribución.

[Ampliación 19:15h] Continúan os bloqueos pero a tractorada de Lugo remata con división
 

Bloqueo da planta de Leite Río no Ceao (Lugo). [Foto: O. Rodil]
photo_camera Bloqueo da planta de Leite Río no Ceao (Lugo). [Foto: O. Rodil]

Tal e como acordaron as gandeiras en asemblea, os protestos por un prezo digno para o leite cambian de estratexia. Desta maneira, os tractores que desde a pasada segunda feira ocupaban Compostela e Lugo, desprazaranse ao longo do territorio para bloquearen tanto as industrias lácteas como, nunha segunda fase, os principais centros de distribución. O bloqueo xa foi posto en marcha días atrás no centro de distribución que Dia ten en Mercagalicia, en Compostela.

Cifran o alcance do bloqueo nun 100% na Coruña e Pontevedra e nun 60% en  Lugo

Ao longo da madrugada e a primeira hora da mañá deste sábado, os tractores tomaron os accesos a diferentes factorías lácteas. É o caso de Leite Río no lugués polígono do Ceao, Feiraco en Negreira, Nestlé en Pontecesures ou as plantas de Larsa en Vilagarcía e Outeiro de Rei, que fican rodeadas polas produtoras. Desde a  Plataforma galega en defensa do sector lácteo cifran o alcance deste bloqueo nun 100% no caso das provincias da Coruña e Pontevedra e dun 60% na de Lugo

A respecto desta última, Anxo Escariz voceiro da Plataforma cuestionou a decisión da tractorada luguesa --que se desvinculou do resto do sector-- de non se sumaren aos bloqueos. Inda así, o progresivo desprazamento dos tractores que ocupaban Compostela, agás un reducido retén arredor da sede administrativa da Xunta en San Caetano, coidan será suficiente para garantir o éxito dun bloqueo que estiman durará, como mínimo, cinco días. O obxectivo é impedir que “entre nin salga do país unha pinga de leite”. De tal maneira, prevén que a reacción da industria será poñer fin á recollida de leite nas explotación o que suporía, en palabras de Escariz, o inicio dunha “folga de facto” nas entregas.

Os bloqueos desenvólvense polo momento sen incidentes. Desde a Plataforma fan un chamado a continuar conducindo o protesto de maneira pacífica. O seguinte paso na súa folla de rota, após bloquearen a industria, é facer o mesmo coa distribución. No punto de mira están as plantas de Vegalsa e Gadisa, en Sigüeiro e Betanzos respectivamente.


[Ampliación 19:15h]  Continúan os bloqueos pero a tractorada de Lugo remata con división

As principais factorías leiteiras continúan bloqueadas por tractores. Europa  Press confirmou que, como mínimo, as factorías de Nestlé (Pontecesures), Larsa (Vilagarcía), Celta (Pontedeume), Leyma (A Coruña) e Lasurgal (Melide) continúan rodeadas por gandeiras que impiden o acceso ás mesmas. Non se rexistrou ningún incidente.

Pola contra, a tractorada de Lugo que rodeaba a muralla da cidade vén de finalizar. Unha decisión promovida polo sector oficial organizado arredor do seu voceiro, Roberto López, que xustificou asegurando non querer “incomodar a ninguén” e facendo alusión a presuntos “actos vandálicos” que se terían producido, por persoas alleas á tractorada, no polígono do Ceao. Segundo informa  o dixital Campo Galego, o voceiro tería comunicado a decisión aos medios de comunicación antes de lla trasladar á asemblea. Aliás, López xa se amosara contrario a iniciar os bloqueos. Ás 18h os tractores comezaron a abandonar as inmediacións da muralla.

Malia esa decisión, Sermos Galiza confirmou que  un número significativo de produtoras, que se amosan críticas coa estratexia de López de afondar na división do sector rexeitando coordinar os protestos coa tractorada compostelana, van continuar a bloquear as industrias. O ánimo é pois o de continuar, como visan as declaracións recollidas por Campo Galego de dous dos gandeiros dos que sitian a factoría de Leite Río no Ceao. “Pacíficos fomos máis dunha semana na muralla e xa se viu de que serviu”, retrucan ao sector de López. “Se nos imos hoxe é para pechar a explotación” conclúen.

A división semella que chegou para ficar. López ademais de anunciar o levantamento da tractorada, fixo pública a súa intención de constituír unha organización propia, logo de que diversas informacións apuntasen a un acordo para integrar o seu sector na Organización de Produtores de Leite (OPL) que o voceiro negou.
 

Vídeo relacionado

Comentarios