O comité de empresa de Zara denuncia que o reparto que fai o grupo Inditex da paga de beneficios, o chamado bono anual de abril, "é discriminatorio" porque "o persoal das tendas vai cobrar, ou non, en función das vendas do ano anterior ou do obxectivo que a propia empresa poña por cada cadea e por cada tenda". Porén, o persoal de central, almacén ou loxística "cobra sempre porque depende directamente dos beneficios" do grupo Inditex.
Así o manifestou esta cuarta feira a presidenta do comité de empresa de Zara, e representante da CIG-Servizos, Carmiña Naveiro, quen entende que é, ademais, "dobremente discriminatorio porque se estabelecen diferenzas entre o cobran as traballadoras que, facendo o mesmo traballo, recibirán esa paga nunha ou outra contía ou non recibirán nada. E tamén é discriminatorio para todo o persoal de tendas fronte o de loxística, almacén e central, porque si ou si van cobrar".
"Sendo todas dependentas non somos todas iguais", critica. Naveiro entende que con esta medida Inditex "deixa claro que dentro das propias tendas e do grupo existen traballadoras de primeira, de segunda e de terceira categoría".
Asegura que ás traballadoras e traballadores "parécenos moi ben que Inditex e o propio Amancio Ortega fagan doazóns á sanidade e aos colectivos que o necesitan neste momento", mais traslada a queixa de que "non recibe igual trato o persoal" que merece ser "coidado" porque é, ao final, "quen lle garante ao grupo e ao empresario os cuantiosos beneficios que obtén".
Prima de beneficios
Carmiña Naveiro explica que a pasada terza feira se lle trasladou ao persoal que o bono anual de abril, a prima de beneficios, farase efectiva unha vez se proceda á apertura xeneralizada das tendas en todo o Estado e que esta paga será fraccionada. "Se as tendas abren en maio cobraremos en xuño unha parte e a outra en xullo", di.
A empresa é quen estabelece os requisitos para cobrar esa paga: "Se unha traballadora supera o obxectivo fixado para a tenda, cobrará a prima completa; se non supera ese obxectivo, pero supera as vendas do ano anterior, cobrará a metade; e quen non chega o obxectivo, nin supera as vendas do ano anterior, non cobra nada". "Consideramos esta situación inxusta e discriminatoria para as dependentas das tendas de Inditex", asevera a presidenta do comité.