Galiza paga as consecuencias de ter sacrificado a industria

A Xunta ten que botar man da solidariedade das galegas para conseguir material que non puido adquirir na Galiza como consecuencia das políticas de centralización.
Fabricación de máscaras 3D nun centro de Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Fabricación de máscaras 3D nun centro de Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).

Pharmamar está a ser unha das empresas protagonistas na crise da COVID-19, pero tamén é o paradigma da perda de peso industrial da Galiza e das consecuencias da centralización. A empresa, xurdida como Zeltia en 1939, perdeu parte da súa galeguidade en 2015, cando se consumou a fusión inversa coa súa filial PharmaMar e a sede pasou a estar en Madrid. Hai agora un ano, coa venda de Zelnova, a planta química do Porriño da que saíron produtos como Kill Paff, ZZ, ou Hechicera, perdeu practicamente o seu vínculo coa terra que a viu nacer. Antes xa se desfixera de Xylacel, outra das súas filiais, e o único que lle une agora con Galiza son as súas accionistas de referencia, Rosp Coruna, a patrimonial de Sandra Ortega, e José María Fernández de Sousa, o seu presidente. 

PharmaMar vén de iniciar a fase II do ensaio clínico do seu fármaco Aplidin para o tratamento da COVID-19. Boa parte dos beneficios que poidan saír do éxito destes ensaios non tocarán nunca Galiza, por moito que desde a compañía asegurasen após vender Zelnova que PharmaMar "sempre será unha empresa galega".

O progresivo deterioro do tecido produtivo galego, xa non só no sector biotecnolóxico, onde empezan a emerxer empresas moi prometedoras, senón noutros sectores como o da automoción, está a pasar factura nesta crise do coronavirus. Sirva como exemplo PSA Citroën. O grupo francés, que conta cunha planta de fabricación en Vigo, centrou as súas axudas en Francia e en Milán.

As auxiliares, moitas delas asentadas agora no norte de Portugal, traballan estes días na fabricación de equipos de respiración que posibelmente nunca pasen por Galiza. E iso que a Xunta habilitou unha liña de 10 millóns de euros para que estes negocios, ao igual que os do sector téxtil, o outro gran motor da economía galega, transformasen a súa produción para dar resposta ás necesidades de materiais e equipamento do Sistema Galego de Saúde, castigado por 11 anos de recortes dos gobernos do PP.

Pero o téxtil tamén foi vítima da deslocalización. A proba máis evidente e que Inditex, o grupo que naceu grazas ao esforzo de centos de mulleres galegas que confeccionaban as prendas da que agora é unha das maiores empresas do mundo do seu sector, non trouxo as súas máscaras desde Arteixo, onde ten o seu cuartel xeral, senón da China, onde concentra parte do seu músculo produtivo.

Unidas na adversidade

A Xunta, ante a escaseza de material para garantir as mínimas condicións de seguridade para o seu persoal sanitario, viuse na obriga de acudir aos mercados para adquirir material que, de ter artellado unha resposta industrial a tempo, podería ter conseguido na casa. 

A medida que o virus se expandía, xurdiron na Galiza diversas iniciativas desde diferentes ámbitos. No caso do ensino, as universidade puxeron os seus coñecementos ao servizo da loita contra a COVID-19. A USC mesmo se integrou na comunidade Coronavirus Makers Galiza, formada por centos de voluntarios coordinados a través dunha canle de Telegram que poñen as súas impresoras 3D ao servizo do 061 coa axuda das miles de farmacias repartidas polo territorio. Na moda, coa axuda de varias firmas do sector, que ofreceron os patróns para confeccionar máscaras de protección, un exército de costureiras traballa sen descanso para prover material aos colectivos máis necesitados. 

Aínda cos esforzos da poboación e das empresas, as queixas do Goberno da Xunta pola falta de material son frecuentes. Desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, ve "evidente" que o que está a faiar é o sistema de centralización de compras de material sanitario que promoveu nun primeiro momento Alberto Núñez Feixoo. Por iso, a líder nacionalista exixe á Xunta que baralle novas vías para facerse co material e aposte no autoabastecemento, xa que na Galiza, dixo, hai empresas e universidades con capacidade para producir máscaras, respiradores, test de detección e outros materiais de protección. "É evidente que precisamos de solucións pensadas desde a nosa realidade e non podemos estar agardando por Madrid", afirmou.

Canais curtos de comercialización

Na mesma liña, o profesor da Universidade de Vigo Albino Prada sinalaba hai uns días nun artigo de opinión que, nunha situación como a actual, na que as cadeas de subministración están totalmente rotas e a capacidade de produción nacional é critica, debe primar "a resiliencia", entendendo como tal os sistemas descentralizados, os canais curtos de comercialización e o rexeitamento aos grandes centros de produción, o que permitiría "recuperar unha certa normalidade en situacións  de incerteza sobrevida". 

Tamén advirte da "dependencia letal" que ten a economía da débeda externa e do Turismo. E as cifras parecen que dan unha pista de que isto é así, cando menos no caso da Galiza. En plena crise do coronavirus, o Executivo de Feixoo, o mesmo que critica a falla de material e financia con 10 millóns iniciativas locais para producilo e non depender de terceiros, anuncia unha liña de axudas de 25 millóns de euros para deseñar accións de promoción turística, axudas directas ao sector ou desenvolver novos produtos turísticos. Cuestión de prioridades.

Comentarios